15 pezas audiovisuais conforman a selección final do OUFF en curto: 10 na categoría ficción e 5 na de documental. O público ourensán poderá gozar dunha nova edición da sección oficial de curtametraxes dentro da progamación do Ourense Film Festival (OUFF) prevista para a vindeira semana.
A 26 edición do Festival Internacional de Ourense aposta novamente pola produción audiovisual de calidade cunha selección de curtas que poderán verse no Cineclube Padre Feijóo de balde e en pantalla grande. Na selección inicial ten cabida tanto autores noveles como autores con amplia experiencia seguindo a idea fundamental da organización de dar voz e espazo a todo tipo de perfís.
Agrupadas en tres bloques, as pezas cun máximo de duración de 29´ e un mínimo de 4´ afrontan diferentes temáticas sociais tanto en formato documental como ficción. Dende a organización destacan a alta participación deste ano, superior á pasada edición, e destacan, por tanto, a dificultade para conformar a selección final de tan só 15 filmes. As proxeccións comezarán este sábado 25 ata o xoves 30 de setembro.
Bloque 1: Cineris, Sergio da Veiga (documental), O son da balea, Dores (documental), What a circus.
Bloque 2: Xoves de comadres, Canibalismo, Os corpos (documental), Queimados, Mulher como árvore (documental).
Bloque 3: O que queda de nós, The death: el reecuentro (documental), Cabelo, Rakel, Versos post morten.
As curtas proxectaranse en tres bloques en tres sesións no Cineclube Padre Feijóo. Os interesados poden consultar os horarios de proxeccióne a sinopse dos filmes na web do OUFF.
Constituido o xurado de curtas, formada por tres profesionais do audiovisual con ampla experiencia coma é o caso de Araceli Gonda, Alba Gallego e Alba Prol, elas serán as encargadas de otorgar os premios (de 1000 €) para a obra ganadora nas dúas categorías: ficción e documental (novidade este ano). O Premio do Público contará cunha cuantía de 300 €.