Un total de 16 Entroidos da provincia de Ourense estarán presentes pasado mañá, venres, 17 de febreiro, no pasarrúas dos Entroidos tradicionais que percorrerá as rúas do centro da cidade. A comitiva, formada por máis de 300 persoas, reunirase ás 19.30 horas na Praza Maior e sairá ás 20.00 horas para avanzar por Lamas Carvajal, O Paseo, Parque de San Lázaro, Santo Domingo, Praza do Ferro, A Paz e As Tendas, reuníndose os grupos para rematar de novo na Praza Maior.
Cómpre reseñar que serán nove os entroidos que se suman este ano ao pasarrúas da cidade, no que se poderán ver por primeira vez Os Peiteráns de Freás (Castrelo de Miño), personaxe recuperado este mesmo ano. Tamén se poderá ver ao longo do percorrido algunha Botarga de Ribadavia. Ademais, por primeira vez, xuntaranse os concellos nos que a principal figura é o Felo: Boborás, Esgos, Maceda e Maside, estes últimos a cabalo como sempre foron.
O ritmo dos folións estará presente, poidéndose comprobar a diferencia de cada pobo. Non faltará a animación e sátira dos entroidos, sobre todo da man da xente de Parada de Amoeiro que, con catro grandes carrozas (de máis 15 metros), abrirá o pasarrúas.
Orde de saída:
Parada de Amoeiro (catro carrozas). (Amoeiro). Novo. (60 participantes
Galia,
Dragón,
Verán azul
Fórmula 1
- Felos de Maside (A cabalo), (Maside). Novo (12)
- Paquita e Nicanor (Seixalbo – Ourense) (30)
- As Pitas (As Eiroás – Ourense) (10)
- Frei Canedo (A Ponte – Ourense) (10)
- Folión de Chandrexa. Novo (15)
- Felos e Madamas de Esgos (20)
- Felos de Maceda. Novo (15)
- Felos de Boborás. Novo (6)
- Folión Os Arrieros de Petín, co minotauro. Novo (30).
- Madamas e Xigantes (Entrimo). Novo (20)
- Follateiros (Lobios) (20)
- Labardeiros. Mugares (Toén). Novo. (12)
- Os Peiterans. Freás – Castrelo. Novo-Recuperado. (15)
- Folión Trives (45). con Boteiro