Deporte

200 deportistas participarán na XVI carreira por montaña “Canón do Sil”

A proba disputarase o 22 de outubro en Parada de Sil con tres percorridos de diferente distancia e esixencia física.

Óscar Gómez

Ourense | 18.10.2023 09:22

200 deportistas participarán na XVI carreira por montaña “Canón do Sil”
200 deportistas participarán na XVI carreira por montaña “Canón do Sil” | onda cero

Unha nova edición da carreira por montaña “Canón do Sil” levará a preto de 200 deportistas a percorrer a Ribeira Sacra, co apoio da Deputación de Ourense.

A XVI edición desta carreira, a decana de Galicia, disputarase o 22 de outubro en Parada de Sil con tres posibles percorridos de diferentes distancias e esixencia física. O de maior percorrido é de 33 quilómetros cun desnivel positivo de 2.220 metros, a distancia intermedia propón un recorrido de 17 quilómetros cun desnivel positivo de 950 metros e, por último, os interesados poden optar pola máis curta que é de 7 quilómetros cun desnivel positivo de 370 metros. Nos tres casos, os participantes transitarán por camiños de terra que os levarán a coñecer lugares icónicos da zona.

A proba, organizada polo Club de Montaña Ribeira Sacra e polo Concello de Parada de Sil, considerada unha das probas máis antigas de Galicia, será ademais nesta edición a final da Copa de Carreiras de Montaña da Xunta de Galicia.