A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou esta semana por un importe de 286.972,07 euros e cun prazo de execución de cinco meses as obras de urbanización dun parque público no lugar de Outeiro Cruz, no concello ourensán da Arnoia.
A actuación, publicada na plataforma de contratos públicos, executarase en virtude do convenio de colaboración asinado o pasado mes de setembro entre a conselleira, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Rodrigo Aparicio, no que ambas partes acordaron cofinanciar o custo dos traballos nun 70% e nun 30%, respectivamente.
O parque sobre o que se centrará a intervención ocupa unha parcela situada entre o adro da igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día. Trátase dunha zona moi visitada pola veciñanza que convén humanizar e mellorar co fin de facilitar o acceso a este tipo de servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso para a veciñanza.
Para logralo, o proxecto prevé a creación dun parque público con ramplas, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público, traballos para os que será necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que dá acceso ao centro de día e colocar pasamáns de aceiro inoxidable nas sendas peonís.
A actuación na Arnoia enmárcase nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación ou mellora de equipamentos municipais e á humanización e urbanización de espazos e infraestruturas de uso público.
Grazas a esta iniciativa o Goberno galego colaborou xa, ata o ano 2020, no financiamento de máis de 300 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, cun investimento global de case 150 millóns de euros, e coas que contribuíu a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños