Máis de 300 rapaces dos centros IES Nº1 do Carballiño, IES Chamoso Lamas, Colexio Vila do Arenteiro, Colexio Sagrado Corazón, CEIP Calvo Sotelo, CEIP de San Amaro e CEIP do Irixo celebraron na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño) nos actos do Día mundial da Poesía e a Árbore, organizados pola Fundación Insua dos Poetas co patrocinio da Deputación e Xunta e a colaboración do Concello do Carballiño e os centros implicados.
César Fernández destacou na súa intervención que “é un orgullo compartir lingua e cultura con estes persoeiros que fixeron tanto polo noso país”. O vicepresidente provincial explicou que “os poetas morren pero queda o seu legado, e as novas xeracións son os depositarios dese legado. Actividades coma esta fan que ese legado perdure, que se transmita. Esa é a nosa misión, transmitir aos que nos suceden o legado dunha cultura tan fermosa e vizosa en letras como é a lingua galega”.
“Eu quero agradecer en nome da Deputación de Ourense a todo o alumnado e ao profesorado por participar en actividades coma esta, porque co compromiso de todos os que estamos aquí, temos garantido o futuro da cultura galega para milleiros de anos máis”, concluíu o vicepresidente segundo da Deputación.
Luís González Tosar comezou explicando ao alumnado a adopción desta data pola UNESCO para celebrar “datas tan significativas como o Día da Poesía e da Árbore, e mañá o Día da Auga”. A continuación, quixo agradecer “ao profesorado e, especialmente, ás autoridades das administracións que patrocinaron e colaboraron neste acto”.
“Estes poetas loitaron para ter unha Galicia de seu, próspera e cunha lingua propia”
Evocando a Luís Pimentel, o presidente da Insua dos Poetas sinalou que “a poesía é a grande milagre do mundo, a poesía é a palabra. Este acto de hoxe está orientado ás palabras dos poetas homenaxeados”. “Eses poetas loitaron para ter unha Galicia de seu, próspera, que fale a súa lingua propia, o idioma que herdamos dos devanceiros. Quixera transmitirvos a miña emoción para que sigades continuando por ese vieiro que fixeron os catro poetas que hoxe homenaxeamos”, animou Luís González Tosar.
Pola súa banda, Valentín García comezou eloxiando a Luís González Tosar, “un grande poeta que nos reúne hoxe aquí nun día moi especial como é o Día Mundial da Poesía”. “A poesía son as palabras que nos permiten reflexar o que sinte a alma, e transmitir sentimentos para que os demais os coñezan. Hoxe é un día especial porque ademais rendemos tributo a catro persoeiros moi importantes para a nosa lingua e para a nosa cultura. Ningún dos catro tiña fácil chegar a ser o que foron, eles son un modelo de vida que demostran que vós chegaredes a onde queirades chegar”, rematou o secretario xeral de Política Lingüística.
Francisco Fumega salientou primeiramente “a labor que están a facer os profesores e os centros, porque a educación é a esencia dun mundo mellor. O coñecemento permite mellorar e avanzar, e pódese adquirir nun espazo coma este”. O alcalde do Carballiño agradeceu “o compromiso da Deputación e da Xunta de Galicia con este lugar, que ten detrás a un persoeiro como Luís González Tosar”.
Un acto en homenaxe a catro dos poetas centrais da lingua galega
Unha vez rematadas as intervencións, produciuse unha actuación musical a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Máis tarde, os escolares tomaron o protagonismo para recitar, cantar e interpretar diversos poemas dos autores homenaxeados -Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez e Eduardo Pondal-, figuras centrais da poesía galega inmortalizadas en catro murais elaborados polos artistas Yoseba MP, Raquel Germade, Novenoel e Delio RC.
Estas obras foron descubertas polo alumnado na Galería da Literatura Galega, un espazo da Insua dos Poetas que xa conta con imaxes artísticas de figuras como Castelao, Ramón Cabanillas e Vicente Risco. Finalmente, o alumnado plantou diversas árbores autóctonas e recibiu como agasallo varios lotes de libros en lingua galega.