Política Social

6,2 Millóns de euros para ampliar mais de 50 unidades de atención temperá

Increméntase un 82% o investimento na rede galega de centros destinados a previr e actuar ante calquera trastorno do desenvolvemento de nenos de ata seis anos.

Óscar Gómez

Ourense | 14.12.2021 09:20

6,2 Millóns de euros para ampliar mais de 50 unidades de atención temperá
6,2 Millóns de euros para ampliar mais de 50 unidades de atención temperá | onda cero

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Xunta de Galicia destinará 6,2 millóns de euros en 2022 para ampliar a máis de 50 as unidades de atención temperá destinadas a nenos de ata seis anos con trastornos no desenvolvemento ou con risco de padecelos. Esta mañá visitou en Ourense a sede de asociación Por Eles Tea, que traballa con pequenos con trastorno do espectro autista e aos que achega este servizo.

Fabiola García destacou o papel de entidades como Por Eles TEA no acompañamento das familias desde o primeiro momento e na atención aos pequenos desde unha perspectiva integral. A asociación ourensá atende a 33 nenos aos que proporciona servizos de psicoloxía, terapia ocupacional ou logopedia, entre outros.

O investimento destinado á rede galega de atención temperá para o 2022 increméntase nun 82% con respecto a este ano. Grazas a isto procúrase continuar ampliando este servizo tan demandado polas familias galegas e que nos últimos anos xa veu aumentada considerablemente a súa cobertura.

No ano 2009 había en funcionamento tan só dúas unidades de atención temperá en Galicia, que cubrían 14 concellos e atendían a 160 nenos. Na actualidade, existen 33 unidades en funcionamento que abarcan 160 concellos e atenden a uns 1500 nenas e nenos. Polo tanto, 20 veces máis unidades, 10 veces máis nenos atendidos e un nivel de cobertura que supera a metade do territorio galego.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou a asociación Por Eles TEA de Ourense
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou a asociación Por Eles TEA de Ourense | onda cero

Máis de 141 millóns de euros para atención á discapacidade

A conselleira de Política Social puxo en valor os avances que Galicia realizou en materia de discapacidade nos últimos anos. Neste sentido, subliñou o compromiso do Goberno galego con este eido, ao que o vindeiro ano destinará máis fondos que nunca antes, 141,7 millóns de euros que permiten, entre outros aspectos, superar as 5600 prazas de atención especializada para persoas con discapacidade.