Prevención de incendios

627 novos efectivos para realizar labores de prevención e extención de incendios

A medida adóptase tendo en conta a desestacionalización dos incendios, favorecida polo cambio climático, e súmase ao reforzo do despregue da UIFO ou á prohibición das queimas realizadas por particulares.

Óscar Gómez

Ourense | 31.01.2022 12:57

La campaña de riesgo alto de incendios forestales se extenderá en principio hasta septiembre
La campaña de riesgo alto de incendios forestales se extenderá en principio hasta septiembre | OC

Trátase do persoal fixo descontinuo de 9 meses, que vén reforzar o operativo da Xunta tanto para extinción como para desenvolver, tamén, accións preventivas sobre o territorio.

A Consellería do Medio Rural decidiu incorporar xa este persoal tendo en conta a progresiva desestacionalización que se está a rexistrar cos incendios forestais, favorecida polo cambio climático, procurando unha reacción áxil ás situacións cambiantes en relación cos lumes.

Esta filosofía coincide ademais coas recomendacións dos expertos e coas directrices emanadas da Comisión parlamentaria forestal creada tras os incendios do pasado 2017, no sentido de propiciar a existencia dun operativo profesional, áxil e versátil. Así, a Xunta está a cumprir estes mandatos, entre outras medidas co progresivo incremento do tempo de despregue sobre o terreo do persoal fixo descontinuo que inicialmente era de tres meses e aumentouse ata os seis.

A maiores, a Xunta tomou outras decisións, en relación co incremento do risco de incendios nesta época, como foi reforzar o despregue dos efectivos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), tanto con misión de vixilancia e disuasión como de investigación dos lumes. Outra medida preventiva adoptada polo Goberno galego foi a prohibición, ata novo aviso, das queimas de restos agrícolas ou forestais amoreados por parte dos particulares.

Por último, cómpre destacar que nesta mesma liña de anticipación ás condicións cambiantes do lume camiñan tamén as directrices para a redacción da futura Lei de loita integral contra os incendios, elaboradas co máximo consenso e que incorporan unha batería de accións orientadas a facer fronte a esta nova situación.