Cogami

o 70% das persoas voluntarias de cogami teñen discapacidade

“Son moitos os beneficios que proporciona o voluntariado”, explica a coordinadora da área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, Juani Tubío.

Óscar Gómez

Ourense | 08.11.2023 08:44

o 70% das persoas voluntarias de cogami teñen discapacidade
o 70% das persoas voluntarias de cogami teñen discapacidade | onda cero

Para mellorar esta rede de voluntariado, dende COGAMI desenvólvense programas cofinanciados pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e tamén polos fondos 0,7% do IRPF procedentes de todas as persoas que marcaron na declaración da renda o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, coñecida como o recadro da X Solidaria.

A través destes fondos fináncianse os catro tipos de programas de voluntariado cos que conta a Confederación: o de acompañamento e apoio a persoas con discapacidade; o de apoio educativo a estudantes que precisan reforzo nalgunha materia; o de apoio en charlas de sensibilización sobre a discapacidade, o programa acompañamento en actividades de lecer ou terapéuticas como a natación, ademais do programa de acompañamento e apoio ACOMPAÑA-M, dirixido as persoas maiores do centro residencial e de día de Arteixo. Outro programa que se destaca é Sumando na rede, que ten por finalidade sensibilizar e permitir a participación das persoas con discapacidade como voluntarias, promovendo a súa participación activa asegurándolle os apoios necesarios para que poidan levar a cabo esta participación.

“Contar cunha ampla rede de voluntariado para a nosa Organización supón un valor social incalculable, tanto para as persoas voluntarias como para as que se benefician da acción voluntaria”, explica Juani Tubío. Engade que outra das particularidades que ten a rede de voluntariado de COGAMI é que “contamos cun sistema de certificación de competencias do voluntariado, un valor engadido para a rede que temos de persoas voluntarias”.

Anualmente, COGAMI ofrece charlas de sensibilización e concienciación da discapacidade, ademais de prevención de lesións medulares, como as 48 ofrecidas neste ano ás que asistiron 1.061 persoas. Dirixidas ao conxunto da poboación, especialmente a escolares, estas charlas adoitan contar coa participación de persoas voluntarias que relatan as súas propias vivencias. Todas as persoas que fan voluntariado en COGAMI contactaron previamente remitindo unha solicitude de adhesión a través da páxina web www.cogami.gal ou por contacto telefónico 981 574 698. Tras unha entrevista inicial, as persoas interesadas en facer voluntariado en COGAMI reciben unha formación previa á súa incorporación á rede de voluntariado.

CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

Durante todo este ano 2023, en COGAMI visibilizamos unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para amosar a realidade que viven milleiros de persoas actualmente, o conxunto do 9% da poboación.

Neste mes de novembro reivindicamos a figura da persoa voluntaria, poñendo o foco en que a persoa con discapacidade non só resulta beneficiaria deste voluntariado senón que exerce de persoa voluntaria, como indica o 70% das persoas inscritas na nosa bolsa de voluntariado.