A Xunta de Galicia investiu 70.000 euros na renovación e na mellora da escola infantil de Covadonga, pertencente á rede pública autonómica. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro para por en valor o resultado das reformas levadas a cabo, que permitirán continuar acompañando ás nenas e nenos no seu retorno ás aulas para afrontar este novo curso 2021-2022.
Entre os traballos levados a cabo no centro ourensán destaca a mellora da eficiencia térmica e enerxética do inmoble, así como a colocación de chans vinílicos máis cálidos e antibactericidas.
O director xeral destacou que desde a Xunta de Galicia se están a mellorar os servizos que están a disposición das familias galegas para darlles cada vez máis posibilidades para desenvolver o seu proxecto de vida. Ademais, Jacobo Rey lembrou que para este curso o Goberno galego está a aplicar un novo protocolo de prevención que garante a máxima seguridade tanto dos nosos pequenos como a de os profesionais.
Entre as novidades destas medidas de seguridade, adaptadas ao novo escenario, atópanse a posibilidade de deixar o carriño dentro da escola, que os máis pequenos poidan empregar o calzado que traen da casa ou que poidan coincidir varias unidades estables de convivencia no exterior. A ventilación de espazos, a desinfección de mans ou o uso máscaras para os profesionais son algunhas das normas que se manterán vixentes.