Case 85.000 veciñas e veciños descargaron até o día de hoxe os bonos de 100 euros que lles facilita o Concello ás persoas residentes na cidade para incentivar o consumo nos locais de comercio e de hostalaría de Ourense.
O goberno municipal fai un balance “moi positivo” do desenvolvemento da campaña, que evoluciona cunha “masiva” participación cidadá e “mínimas” incidencias para un proceso no que participan máis de 100.000 persoas: “a campaña está funcionando moi ben, o sistema para obter os bonos é tremendamente seguro e as incidencias que se están a detectar, por erro ou por fraude, non chegan ao un por mil”, asegura.
O Concello de Ourense puxo en coñecemento da Policía Nacional os casos de fraude que se detectaron, coa finalidade de que se leve a cabo unha investigación que permita identificar as persoas responsables. Fontes municipais explican que o proceso de descarga dos bonos conta cunha trazabilidade, xa que para obter os vales é necesario utilizar un teléfono móbil rexistrado. Por iso, “quen leve a cabo unha fraude exponse a delitos por suplantación de identidade que están penados con até 3 anos de cárcere”, sinalan.
Porén, o goberno local reitera a súa satisfacción cos bos resultados da campaña, e subliña que os casos detectados de fraude detectados representan uns 8.000 euros do total da convocatoria, que mobiliza preto de 9 millóns de euros.