ABANCA e Afundación proporcionan durante o verán 80 000 menús a escolares galegos
I O obxectivo é apoiar a infancia en risco de pobreza ou exclusión social, cuxa situación se viu agravada pola crise da COVID-19, garantindo unha alimentación saudable e nutritiva
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, puxeron en marcha, en colaboración con concellos e entidades sociais, o programa «Cubertos», que proporciona preto de 80 000 menús saudables, 1650 diarios, a menores en risco de pobreza ou exclusión social das sete principais cidades galegas durante as vacacións escolares. O obxectivo de «Cubertos» é apoiar as familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor.
Esta mañá, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, quixeron coñecer de primeira man o esforzo de todas as persoas que están facendo posible a consolidación deste programa de apoio social no que están involucradas 100 persoas do equipo da Obra Social de ABANCA, coa colaboración de 80 voluntarias e voluntarios de ambas as entidades, quen se encargan de velar polo correcto funcionamento do programa, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo as familias.
VOLUNTARIADO SOCIAL
O programa «Cubertos» desenvólvese na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para iso, habilitáronse un total de 22 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.
Os menús elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais.