Cruz Vermella de Ourense vén de incorporar un novo vehículo doado por ABANCA para levar a cabo os desprazamentos de persoas maiores da provincia que participan nos programas de acompañamento da organización. O coche, de tipo híbrido, facilitará que Cruz Vermella poida realizar os proxectos e actividades de atención a este colectivo que leva a cabo nunha provincia cunha importante dispersión xeográfica da poboación.
O acordo de colaboración foi asinado na cidade ourensá, onde se atopa a sede provincial da ONG, por parte do director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro.
Segundo datos da Cruz Vermella, unhas 2.000 persoas son potenciales beneficiarias deste vehículo, que xa se emprega para facer fronte á dispersión xeográfica da poboación avellentada das zonas rurais de Ourense e facilita o labor das máis de 300 persoas voluntarias que colaboran.
Estes coches resultan imprescindibles para que o persoal técnico realice visitas de valoración, seguemento e acompañamento aos domicilios dos maiores, pero tamén para que moitas persoas poidan ser trasladadas a consultas médicas, a realizar compras e xestións, a casas de familiares e mesmo a obradoiros e actividades lúdicas.
Deste modo, ABANCA reforza o seu compromiso coas persoas de maior idade, que constitúe un dos eixos estratéxicos da súa actividade no ámbito da responsabilidade social.
O acordo con Cruz Vermella é un paso máis na colaboración que manteñen ambas entidades noutras iniciativas como o programa Cubertos, co que se facilitan menús saudables durante as vacacións escolares a menores en situación de vulnerabilidade, ou a campaña de recollida de xoguetes que se realiza coincidindo co Nadal.