Ourense Cidade

Aberta a inscricion para participar nos concursos da festa dos Maios ata o 2 de Maio

O Concello de Ourense abre o prazo de inscrición para participar nos concursos de coplas e maios da Festa dos Maios, que se celebrará o domingo, día 7, desde o mediodía, na rúa do Paseo.

Óscar Gómez

Ourense | 19.04.2023 08:03

Maios ourense
O Concello abre até o 2 de maio o prazo de inscrición para participar nos concursos da festa dos Maios | onda cero

Asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e particulares poden inscribirse até o martes día 2, ás 14.00 horas. O Concello incrementa os premios nesta convocatoria, de xeito que quen realice o mellor maio artístico recibirá 900 euros, e o mellor maio enxebre, 600 euros. Tamén aumentan os segundos e terceiros premios: 700 e 500 euros para os artísticos, e 400 e 300 euros para os enxebres, e amplíanse a tres os premios do apartado de maios infantís, dotados con 300, 200 e 100 euros respectivamente. A festa está declarada de interese turístico polo Consello da Xunta de Galicia do 4 de outubro de 2001.

Maios

Na categoría de Maios, establécense as categorías de Maio Enxebre -o tradicional e figurativo, que representa pirámides, conos ou cruceiros, cunha altura mínima de 1.5 metros desde o chan-; Maio Artístico -recrea, cos materiais tradicionais, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte do pobo ou da cidade, personaxes, etc.-; e o Maio infantil, realizado por nenos e nenas, menores de 18 anos, colexios, ANPA...

Entre as normas para a construción de maios artísticos están as de ser realizados integramente para a ocasión e non utilizar obxectos recubertos, para crear formas ou figuras. O musgo que se utilice deberá estar cosido ao esparto, nunca pegado, que será causa de descualificación. E os materiais a empregar serán tradicionais: madeira, sacos de esparto, musgo, xestas, uces, carqueixas, carrabouxos, flores silvestres...

Os premios do Maio artístico serán: un primeiro de 900 euros, un segundo de 700 e un terceiro de 500. Para o Maio enxebre, de 600, 400 e 300 euros respectivamente. Para o Maio infantil, 300, 200 e 100 euros respectivamente.

Coplas

Nas coplas haberá dúas categorías: as Infantís -para menores de 18 anos- e as de adultos. O xurado valorará a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados, o uso da melodía tradicional e que as estrofas vaian enlazadas. Haberá un premio de 300€ para as mellores coplas de cada categoría. Ademais, concederase unha axuda pola participación de 300 euros para os Maios presentados -até esgotar o crédito dispoñible, de 18.000 euros-