San Martiño

Aberto o prazo de inscrición na 45 Carreira Pedestre Popular do San Martiño

O alcalde Pérez Jácome anima a cidadanía a participar na mellor carreira de Galicia, que este ano recupera o seu formato tradicional de proba masiva despois da pandemia da COVID.

Óscar Gómez

Ourense | 13.10.2022 08:36

san martiño
san martiño | La Voz de Galicia

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense abriu o prazo de inscrición na edición número 45 da Carreira Pedestre Popular do San Martiño que percorrerá as rúas da cidade o domingo, día 20 de novembro. Até o día 13 novembro, as persoas interesadas poden anotarse a través da páxina web www.asanmartino.com para participar nesta nova cita da emblemática carreira ourensá, a máis multitudinaria de Galicia, e un dos 10K máis importantes de España. Tamén poden descargar a APP da proba, onde poderán inscribirse e recibir toda a información e os avisos actualizados da organización: https://asanmartino.com/es/web/mobile/

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome anima a cidadanía a participar na carreira, que é “a mellor de Galicia”, e que nesta edición recupera o formato tradicional de carreira masiva que tiña antes da pandemia da COVID. Na categoría absoluta, a cota de inscrición é 5 euros até o día 4 de novembro, que pasarán a ser 7 euros do 5 ao 13 de novembro. A inscrición é gratuíta nas demais categorías (escolar, cativada e carreira inclusiva). A saída da Carreira Absoluta darase na Ponte do Milenio ás 11:00 horas. A liña de meta estará situada no Pavillón dos Remedios. O percorrido de 10.000 metros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, discorrerá por:

Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Praza da Estación, As Caldas, Ponte Vella, Progreso, Tras Alameda, Dr. Fleming, Ervedelo, Avda. de Portugal, Marcelo Macías, Avda. de Zamora, Bonhome, Galicia, Fernández-Oxea, Lugo, Padre Feijóo, Colón, Moratín, Bispo Carrascosa, Praza Maior, Lamas Carvajal, Paseo, Curros Enríquez, Habana, Cardenal Quevedo, Rodríguez Castelao, Otero Pedrayo, Curros Enríquez, Ponte Nova, Avda. de Marín, Vicente Risco, Francisca Herrera, Avda. De Santiago, As Caldas, Ponte Vella e Pardo de Cela

Ás 12:30 será a saída da categoría escolar, cun percorrido de 5 kilómetros, para nenos e nenas que nacesen entre 2005 e 2010.

As 13:30 será a de cativas e cativos, de entre 2011 e 2014, que percorrerán un total de 1,4 km.

Ás 13:40 será a carreira inclusiva, coa mesma extensión (1,4 km)