Francisco Conde informou en Ourense de que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme, coas que se prevé mobilizar 6 millóns de euros. Conde visitou a tenda de roupa Angelo Milano, que participou nunha edición anterior desta iniciativa que impulsa a incorporación de equipamento máis eficiente e a redución da factura eléctrica dos establecementos. No caso deste comercio, os apoios permitiron renovar os sistemas de iluminación e a instalación eléctrica.
O Bono Enerxía Peme, ao que se destinan 4,2 millóns de euros, case o dobre que o ano pasado, está destinado as pemes e os autónomos galegos do sector do comercio, a hostalería e os servizos. Como novidade, apoiarase o asesoramento enerxético. Estas axudas sumaranse aos apoios para a mellora da envolvente a través de elementos de control solar como toldos de cor branco ou negro; iluminación, coa renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.
Os apoios contarán cunha intensidade do 80% ata un máximo de 6000 euros por centro de traballo e os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50% sen necesidade da presentación de avais. As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubriranse actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro.
O obxectivo é beneficiar a 1000 autónomos e pemes, con aforros de 860.000 euros ao ano na factura enerxética e a creación ou mantemento de preto de medio cento de empregos directos. Trátase da terceira edición desta convocatoria que, nas dúas anteriores, xa permitiu impulsar en Galicia preto de 1500 actuacións cun investimento de 6,1 millóns de euros. Na provincia de Ourense, o ano pasado apoiáronse 80 proxectos por valor de 314.000 euros.
O obxectivo deste programa é axudar ás pequenas empresas e aos autónomos a afrontar o custo da súa factura eléctrica, ao tempo que se incentiva a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial, dotándoo de ferramentas e recursos para que poidan aforrar no consumo enerxético e reducir custos.