O acendido da iluminación de Nadal, con concerto de The Lucky Duckies, dará este venres, 2 de decembro. “o pistoletazo de saída” á programación de actividades que organiza o Concello para celebrar o Nadal. Unha veciña da Ponte será quen acenda as luces no día do seu aniversario número 106, segundo avanzou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que presentou a programación, cunha chea de actividades artísticas e de lecer, dirixidas a todos os públicos. “Vai ser o mellor Nadal da historia”, asegurou o rexedor.
Citas destacadas este ano serán o Mercado de Nadal, no Parque de San Lázaro, un carrusel clásico na Ponte Vella, o Poboado de Nadal nos Xardíns do Bispo Cesáreo, xunto á segunda árbore de Nadal máis grande de España (38 metros de altura) e o Parque de Aventuras e o tren eléctrico de Papá Noel no Posío, xunto coa Praza Maior, onde haberá ambientación con neve, e o belén municipal de Arturo Baltar.
A elas súmanse un amplo programa musical, con concertos de Olga Brañas e Iseo A Moura, Trío Somoza, Broken Peach, Omar Montes, o espectáculo Un conto de Nadal e Diego Nóvoa. Tamén, como en anos anteriores, percorrerá a cidade un autobús musical, con que actuarán Diego Nóvoa, Doc Magoo´s, Tamara dúo, Broken Peach, Dr Slump, Gin Tonic e Trío Somoza. A programación incluirá tamén espectáculos de maxia, con Mago Delmi e El gran Martín, o infantil O legado do Tibu, obradoiros, contacontos, e encontros co Apalpador, Papá Noel, ou o carteiro real.
Auditorio
O Auditorio Municipal acollerá durante estas datas unha ampla selección de espectáculos de diferentes artes escénicas: Inventio, Joaquín Reyes, Tributo a Encanto, A Bela e a besta, Ourense é Maxia, os humoristas David Amor, Róber Bodegas e Javier Veiga, Orixe, Pablo Méndez (Orixe), O Lago dos Cisnes, o espectáculo de maxia “El último gran majo”, e A grande aventura dos Reis Magos”.
Ourense daralle a benvida ao ano 2023 con dúas festas: para todos os públicos, coa Orquestra América na Praza Maior, e unha festa adolescente, esa mesma noite nunha carpa en Santa Eufemia, con bebidas sen alcohol.
Para a rapazada, o Nadal presenta atractivos como a cita con Papá Noel, que percorrerá cidade acompañado de elfos e renos, o mércores 21 de decembro, desde as 19:00h, cunha ruta que irá desde As Lagoas (Policía Nacional)- Curros Enríquez e rúa do Paseo até rematar na Praza Maior. Ademais, Papá Noel recibirá a rapazada no Auditorio o día 23 de decembro, cun espectáculo dirixido por Pablo Méndez, en sesións ás 17h e 18h e, de ser preciso, tamén ás 19h. As entradas, gratuítas, poderanse adquirir a través de Ataquilla desde o martes, 13, ás 13h.
E, como marca a tradición, o día 5 de xaneiro, chegará a cita máis esperada pola rapazada. A Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar regresan a Ourense cos seus dromedarios reais, procedentes de Oriente para percorrer as rúas da cidade e saudar as nenas e os nenos de Ourense. A saída, ás 18h desde a rúa Eulogio Gómez Franqueira, para continuar pola Avenida das Caldas, a Ponte Vella, Progreso, Dr. Marañón e rematar na Praza Maior.