O 5 de decembro será o día sinalado na axenda do concello para o acendido do Nadal, data que, coincidindo coa ponte festiva, permitirá desfrutar “a tope” a toda a xente que acollerá a nosa cidade neses días.
O alcalde, Gonzalo P. Jácome, desvelou esta mañá cando será o gran día do acendido das luces de Nadal, afirmando que “será un acto multitudinario, como xa foi o pasado ano onde realmente se bateu o récord de afluencia de sempre.”
Para coñecermos en que consistirá o acto e quen será a persoa encargada de dar o “pistoletazo de saída”, que terá lugar ás oito da tarde, teremos que agardar, segundo engadiu o alcalde: “nos próximos días desvelaremos a sorpresa de quen vai ter a honra de acender as luces”.
Como novidade, e debido a afluencia de xente que se espera que asista ao acto, instalarase unha pantalla xigante nos Xardíns do Bispo Cesáreo que retransmitirá en directo todo o que aconteza na Praza Maior “co obxectivo de evitar aglomeracións e de que todo o mundo poida desfrutalo”, engadiu tamén o rexedor.
Ese mesmo día arrincará o Mercado de Nadal que estará instalado no Parque de San Lázaro. Nos vindeiros días o Concello anunciará a programación completa.