Acordo entre a Federación de Comercio e ABANCA para apoiar negocios de proximidade no Camiño
ABANCA e a Federación de Comercio de Ourense veñen de asinar un acordo de colaboración que busca apoiar aos negocios de proximidade que se atopan nas zonas polas que discorre o Camiño de Santiago. Este traballo conxunto resulta moi relevante nos últimos tempos, posto que a crise económica xerada como consecuencia da Covid-19 está a afectar con bastante profundidade ao comercio local.
A firma do acordo tivo lugar esta mañá en Ourense, onde o coordinador Institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, asinaron dito convenio.
Tras a rúbrica, os comerciantes adheridos terán acceso ás vantaxes que se inclúen no documento, no que destaca un plan de financiamento creado polo banco e a federación para dar resposta ás necesidades do colectivo. Tamén se reflicte un plan de financiamento específico para instalacións de eficiencia enerxética, que amosa un sólido compromiso do banco coa sostibilidade.
Ademais, os comercios asociados poderán beneficiarse de condicións vantaxosas para a rehabilitación e adecuación dos inmobles dos seus negocios ao encontrarse nun casco histórico situado no trazado do Camiño de Santiago.
Este acordo coa Federación de Comercio de Ourense enmárcase dentro das accións postas en marcha por ABANCA como un dos principais patrocinadores do Xacobeo 21-22, entre as que destaca unha liña de apoio económico para o comercio local de ata 500 millóns de euros.
Produtos e servizo á medida do colectivo
No acordo detállanse produtos e servizos para levar a cabo investimentos e reforzar a competitividade nos negocios dos asociados á Federación de Comercio de Ourense. Deste xeito, os comerciantes poderán acceder a produtos deseñados especificamente, como préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.
Para adaptarse ás necesidades máis inmediatas da actividade diaria do comercio local ourensán, no texto recóllense outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, confirming ou factoring. Ademais, ABANCA activa as liñas de financiamento oficiais do ICO e as SGR galegas para reforzar o apoio ás necesidades dos comercios e proporcionar solucións ante a crise.
Condicións melloradas para os comerciantes de Ourense
Os comerciantes de Ourense poderán beneficiarse de condicións melloradas na contratación de TPV, tanto físicos como virtuais. Estes últimos aumentaron a súa importancia debido ás necesidades de distanciamento social xerados pola pandemia e o apoxeo das compras por internet. Ademais, os adheridos terán acceso ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén por transferencias, ingresos de cheques e outros servizos habituais.