O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, visitou o concello ourensán de Castrelo de Miño para coñecer a evolución dos traballos da vendima na denominación de orixe Ribeiro.
Nesta visita aos viñedos de Ramón do Casar, o conselleiro lembrou que as adegas interesadas poden solicitar o préstamo vendima ata o vindeiro día 15 de outubro. Esta liña de crédito, salientou González, ten por obxecto facilitarlles a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Está deseñada para facer fronte ás dificultades xeradas pola pandemia no sector vitivinícola.
O conselleiro destacou que, precisamente con esta mesma finalidade, a Xunta puxo en marcha Mercaproximidade. Trátase, recordou, dunha canle de venda alternativa que permitiu dar saída a boa parte da produción primaria galega e á que se adheriron arredor dun cento de adegas da nosa comunidade.
Neste sentido, José González indicou que as referidas medidas, adoptadas no contexto da pandemia, súmanse as diferentes liñas de apoio impulsadas pola Xunta a prol deste eido produtivo. Así, o conselleiro mencionou tamén a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que segundo explicou pretende potenciar non só os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor, senón tamén outros eidos “inseparables” do viño, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe.
Valor engadido
O conselleiro engadiu que todos estes factores conflúen no obxectivo fundamental de incrementar o valor engadido do produto, para que esa mellora chegue a todos os elos da cadea de valor, dende o viticultor ata a distribución, pasando polas adegas. Neste sentido, fixo fincapé tamén na necesidade
duns prezos competitivos tendo en conta que o consumidor final, “sabe apreciar ben a calidade e o carácter especial dos viños galegos, e está disposto a pagar por iso”.
Por outra banda, o titular de Medio Rural destacou que a Xunta actúa tamén, en coordinación cos consellos reguladores, desenvolvendo un plan de control da vendima destinado a protexer a calidade dos viños galegos. Nesta iniciativa participan un total de 15 inspectores, que velan porque todo o proceso se desenvolva de acordo co estipulado na normativa vixente e nos pregos de condicións dos consellos reguladores.
Lei de recuperación da terra
Nesta liña, José González referiuse á Lei de recuperación da terra agraria como outra das vías de apoio ao sector do viño, porque esta norma aposta pola ordenación e a adecuada xestión do territorio. Sinalou que se trata de “colocar cada cousa no seu sitio, potenciando a compatibilidade dos diferentes usos: agrario, gandeiro e forestal”, e tamén de fomentar a seguridade xurídica para os titulares da terra, así como a xeración de recursos e de rendibilidade a partir da recuperación dos terreos.
O conselleiro remarcou que este labor se implementa a través de instrumentos como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, que conforman unha verdadeira “caixa de ferramentas para recuperar terras e poñelas en produción, de xeito sustentable e buscando, ao tempo, unha anticipación ao problema dos incendios forestais”. Neste sentido, José González fixo fincapé nas arredor de 10.000 hectáreas que se solicitaron dende as propias denominacións de orixe vitícolas para levar a cabo os devanditos polígonos de viñedo e salientou que, desa superficie global, unhas 1.400 corresponden á denominación de orixe Ribeiro.