O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, inaugurou as obras de acondicionamento e mellora das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya, na súa intersección con Valle Inclán e Avenida de Bos Aires, executadas polo Concello. Esta intervención constitúe, dixo, o “punto final” ás obras de renovación de pavimento e servizos recentemente executadas polo Concello no centro da cidade, nas que se incluíron tamén as rúas de San Lázaro, Xoaquín Lorenzo Fernández, Bedoya (até Valle Inclán) e Cardenal Quevedo (até a Avenida da Habana). Cun investimento total de 2,3 millóns de euros, a execución destes dous proxectos conforma “unha obra tremendamente extensa, das máis grandes que se fixesen no seu conxunto na historia de Ourense”, asegurou o rexedor.
Pérez Jácome destacou que esta obra ten moitas funcionalidades, entre as que subliñou a de pacificar o tráfico e acadar melloras na estética da contorna; de eficiencia enerxética, xa que todas as luminarias son led; de humanización, gañando espazos para o tránsito peonil; e funcional, porque se cambiaron todos os servizos. Explicou tamén que se acada “un efecto case de plataforma única, cunha menor transición entre a beirarrúa e a calzada”. O alcalde resaltou tamén as novas luminarias que pola noite proporcionarán un “efecto espectacular. “É unha grande mellora do centro da cidade e un exemplo do que se vai estender aos barrios”, asegurou Pérez Jácome, quen avanzou próximas actuacións en rúas como Alejandro Pedrosa ou na Avenida de Portugal. “Estamos por fin enganchando Ourense ao século XXI”, concluíu.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo, Francisco Lorenzo, manifestou que “son 2 obras de humanización de todo o centro de Ourense. Fundamentalmente, gáñase espazo para o peón e na zona de rodadura quítase o lastro, que causa trastornos tanto a quen conduce o coche como no mantemento que ten que facer o Concello. Gañamos un espazo como é a praza, onde se lle dá un realce á estatua dos Ramóns, que foi restaurada segundo as esixencias do autor, recubrindo a peaña con aceiro corten en vez de pedra”. As zonas de transición entre coche e peóns son lastros, as das zona peonís, en lousa de pedra e a calzada en aglomerado, explicou.
O goberno municipal avanzou tamén que a mediados de outubro comezarán as obras de construción dunha rampla mecánica e escaleiras na rúa Arturo Pérez Serantes.