Concello de ourense

O alcalde ordena que continúe a tramitación do PXOM incorporando as modificacións demandadas pola Alcaldía

Lembra que o alcalde é quen fixa as directrices de goberno e advirte que “se non se seguen de xeito reiterado, verase obrigado a retirarlles as competencias aos concelleiros que flúan por outro camiño”

Óscar Gómez

Ourense | 18.02.2022 13:02

Perez Jacome alcalde de Ourense
Perez Jacome alcalde de Ourense | La Región

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome asinou unha providencia na que ordena que continúe a tramitación do expediente de revisión do Plan de Urbanismo para incorporar as modificacións que propuxo a Alcaldía. Pérez Jácome toma esta decisión tras tomar coñecemento de que a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, ditou o pasado luns, 14 de febreiro unha providencia na que ordenaba que se paralizase cautelarmente a tramitación e que non se introducisen as modificacións no documento de aprobación provisional, ata dispoñer de novos informes.

O alcalde, como responsable de dirixir a administración municipal e fixar as directrices do goberno, non admite esta resolución “dado que supón discutir das liñas políticas esenciais” do Concello e asinou unha providencia na que deixa sen efecto a da concelleira de Urbanismo e ordena que continúe a tramitación do expediente para incorporar as modificacións.

Lembra Pérez Jácome que delegou as súas funcións nas concelleiras e nos concelleiros do goberno municipal para executar as directrices que fixa o alcalde, nos termos que indica no seu artigo número 31, o Regulamento Orgánico do Concello. Por estes motivos, indica, “se non se seguen estas directrices de xeito reiterado, o alcalde verase obrigado a retirarlles as competencias aos concelleiros que flúan por outro camiño”; se ben, explica, “esta vez só se asinará a providencia para unha execución concreta”: continuar coa tramitación do Plan coas modificacións indicadas polo alcalde.

Estas se recollen nunha providencia do 23 de xuño de 2021, e fan alusión a tres polígonos: o número 55, A Chavasqueira, o 56, Eira Vella e o 63, Finca Mariñamansa, ao Peri As Caldas, á zona de Untes, aos voos nos edificios do chan urbano consolidado e ao establecemento de dotacións de uso deportivo de sistema local e de novas zonas verdes e espazos libres de sistema local.

Providencia da concelleira

O luns, 14 de febreiro de 2022, a concelleira de Urbanismo ditou unha providencia na que resolvía “paralizar preventivamente a tramitación técnica e administrativa que xera a Providencia de Alcaldía do 23 de xuño de 2021 e que non se introduzan ningunha das modificacións propostas no Documento de Aprobación Provisional, ata que non se reciba por escrito resposta do equipo redactor ás preguntas que se lle formularán por esta concellería delegada; non se reciba por escrito informe que se solicitará tanto ao Xefe de Servizo de Negociado de Plan Urbanístico como ao Xefe de Servizo de Licenzas Urbanísticas e non se emita, previa contratación, un informe técnico xurídico externo sobre as oito modificacións expostas”.

Providencia do alcalde

A providencia que asinou Pérez Jácome advirte que “esta Alcaldía-Presidencia non foi consultada nin informada previamente da dita resolución de trámite, que non pode admitir, dado que supón discutir das liñas políticas esenciais marcadas por esta Alcaldía-Presidencia en relación coa revisión e adaptación do PXOU de 1986, que se plasmaron no seu momento na dita providencia e atrasar a realización de actuacións administrativas que conducirán á súa inclusión no documento así como na súa tramitación.

Indica Jácome que “non existe motivo legal ou regulamentario algún” que obrigue á paralización do expediente, polo que esta é “perfectamente revogable” e que os informes que se solicitan na providencia “non son preceptivos”, sen prexuízo de que se poidan emitir, “sempre que non paralicen ou obstaculicen a tramitación do expediente”.

Engade o rexedor que o 16 de febreiro o equipo redactor xa presentou o informe “non que indica o modo e a forma en que as ditas modificacións se van introducir no documento urbanístico, e que debe de ser estudado sen demora polos servizos municipais para comprobar á maior brevidade posible, se se deu cumprimento ao ordenado por esta Alcaldía para que se ordene de forma efectiva a súa inclusión no novo documento de aprobación provisional”.

Por estes motivo, e de conformidade co disposto no Regulamento Orgánico do Concello, o alcalde resolve:

1º) Avocar a competencia delegada no seu momento no Decreto da Alcaldía 2021005267 do 2 de xullo 2021 en materia de dirección e xestión da área de goberno na que se integran as competencias de Urbanismo, Vivenda e Patrimonio para os efectos exclusivos de ditar a presente resolución.

2º) Deixar sen efecto a Providencia ditada pola Concellería Delegada de Urbanismo, Vivenda e Patrimonio de data 14 de febreiro de 2022 no relativo á paralización cautelar da tramitación técnica e administrativa do expediente de Revisión e Adaptación do PGOU de 1986 polos motivos nela indicados, sen prexuízo de que se soliciten e obteñan os informes citados na providencia citada se se estima oportuno.

3º) Ordenar que se continúe coa tramitación ordinaria do expediente, co fin de introducir as modificacións propostas na Providencia de Alcaldía do 23 de xuño de 2021 no Documento de Aprobación Provisional, mediante a análise do informe emitido polo equipo redactor en data 16 de febreiro de 2022 para comprobar o axuste do mesmo a aquela e de realizar todos os demais trámites administrativos que procedan.