O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quere recuperar a iniciativa estratéxica do soterramento da Avenida de Otero Pedrayo, e insta á Xunta de Galicia, e Deputación de Ourense a colaborar conxuntamente para polo en marcha.
Así o deixa claro na carta que esta mañá enviou aos presidentes, Alfonso Rueda e José Manuel Baltar, onde o rexedor detalla que para este proxecto se estima necesario un investimento conxunto de 12 millóns de euros, e propón que cada administración – Xunta, Deputación e Concello – aporten 4 millóns de euros.
O soterramento da Avenida Otero Pedrayo “trátase dun proxecto estratéxico para a cidade de Ourense, que incluiría o soterramento do tráfico, a construción dun bulevar peonil, aparcamentos soterrados, carrís bici, e a integración efectiva do Campus Universitario”. O Grupo Municipal de Democracia Ourensana xa levara esta iniciativa ao pleno, a través dunha moción fai 5 anos.
Ademais, na misiva se explica que as cidades avanzan actualmente cara modelos nos que se prima a reordenación do tráfico rodado a favor dos viandantes, e que neste caso, esta acción xa se recollía no antigo plan “A Porta de Galicia”, que data de 2008 e foi tildado polo reitor da Universidade de Vigo como un dos máis importantes da década.