Concello de Ourense

O alcalde teme novos atrasos na construción da estación intermodal de Ourense

“Podo anunciar que nunha altísima probabilidade o Goberno central non vai adxudicar as obras e volverá licitalas tras facer unha revisión de prezos”, asegura Jácome.

Óscar Gómez

Ourense | 27.09.2023 07:58

 O alcalde teme novos atrasos na construción da estación intermodal de Ourense
O alcalde teme novos atrasos na construción da estación intermodal de Ourense | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, teme novos atrasos por parte do Goberno central na execución das obras de construción da estación intermodal de Ourense. “Podo anunciar que nunha altísima probabilidade, o goberno central non vai adxudicar as obras da nova estación de tren de Ourense”, manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras ser coñecedor de que o Goberno do Estado ten previsto realizar unha revisión de prezos do proxecto e realizar unha nova licitación

“As obras xa foron licitadas cun orzamento de 130 millóns de euros, presentáronse empresas, pero non se lle van adxudicar a ningunha. Van revisar os prezos e volver licitalas”, manifestou Pérez Jácome, quen advirte que o atraso das obras “é bíblico”. A xuízo do rexedor, o Goberno central “atopou unha escusa para adiar de novo unha obra que non quere facer”. De feito, explica que con este novo trámite a adxudicación das obras atrasaríase a finais de 2024, non comezarían até 2025 e non estarían rematadas antes de 2030.

O alcalde incide na gravidade desta situación e o agravio comparativo da situación de Ourense respecto a outras cidades: “A estación de Vigo xa foi inaugurada hai anos, mentres que a de Ourense segue sen construírse e agora se vai licitar outra vez. É unha proba máis da permanente discriminación da cidade de Ourense que é a Cenicienta de Galicia”.

--