A Alcaldesa manifestaba a importancia deste acontecemento por dous motivos. O primeiro porque os veciños e veciñas de Allariz poderán gozar de que a proba pase por aquí, e o segundo que toda a xente que se achegue a ver o Rallie no tramo que transcorrerá pola Ou-300 coñeza os encantos do noso municipio.
Por outra banda, resaltaba a importancia de que un dos pilotos participantes da proba sexa alaricano e poda correr na casa. Javier Pardo participará nesta 54ª edición. Ben sabido é por todos os amantes do motor da súa prometedora carreira. Javier ten acadado triunfos importantes dentro do motor. Ven dunha familia vencellada a este mundo, xa que o seu pai tamén foi piloto chegando a gañar en varias ocasións.
Julio Bouzo sinalaba durante a rolda de prensa, que a Familia Pardo e a Escudería de Ourense sempre mantiveron unha gran relación dende fai máis de 25 anos. O presidente da escudaría ourensá confesaba que dende a organización levaban tempo querendo facer un tramo en Allariz. A estrada que transcorre entre Podentes e Allariz, a Ou-300, acollerá o último tramo da xornada o sábado 17. Ao finalizar este tramo o reagrupamento realizarase na zona do Arnado, en Allariz.
Para a organización que este ano Allariz estea dentro do percorrido do Rallie é unha ilusión. Julio Bouzo tamén adiantaba que os test que se realizarán o martes, aínda que non son obrigatorios para os participantes, tamén transcorrerán na zona de Allariz. A proba será retransmitida pola televisión tanto autonómica coma estatal, e os seguidos do motor poderán gozar do tramo de Allariz dende calquera punto vía streaming.