Inundacions

Allariz cuantifica os danos sufridos despois dos últimos temporais

Os temporais de vento e choiva deste comezo de ano deixaron ao seu paso centos de desfeitas, avarías, inundacións, derribas e graves danos no patrimonio e en espazos municipais en Allariz.

Óscar Gómez

Ourense | 27.01.2023 08:06

Allariz cuantifica os danos sufridos despois dos últimos temporais
Allariz cuantifica os danos sufridos despois dos últimos temporais | La Voz de Galicia

O Concello de Allariz viuse afectado por esta situación polo que na mañá de hoxe Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela e o aparellador municipal Tino Feijoo presentaron o balance do custe económico que suporá arranxar os estragos feitos polas enchentes do río Arnoia ao seu paso polo municipio así coma dos danos polas rachas de vento.

Allariz cuantifica os danos sufridos despois dos últimos temporais
Allariz cuantifica os danos sufridos despois dos últimos temporais | onda cero

O leito do río Arnoia estragou, debido a gran cantidade de auga que acumulou nesa xornada, muros, pasarelas, pontes, presas, camiños e espazos infantís ao seu paso polo Concello. As grandes rachas de vento afectaron a cubertas en espazos municipais que sumado aos danos anteriores ascenden a un total de máis de 233.000€, un 10% do orzamento total do Concello. O Concello de Allariz púxose en contacto coa Xunta de Galicia para estudar a posibilidade de que se habiliten axudas xa que como ben dicía Cristina Cid, non “somos os únicos afectados”.

Así mesmo mañá levarase ao Pleno Municipal a Declaración de “Zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil” para que a administración do Estado poida aportar axudas para paliar a situación na que se atopan os concellos despois destas catástrofes naturais. A Alcaldesa sinalaba que agarda o apoio das forzas políticas da corporación municipal e que se unan a esta declaración para comezar cos tramites pertinentes ca administración autonómica.