Turismo

Allariz oferta visitas guiadas para os sábados de verán

A visita partirá da oficina de turismo de Allariz ás 12:00h e terá una duración aproximada de 1 hora e media, na que percorrendo a beira do río Arnoia e o casco histórico de Allariz

Óscar Gómez

Ourense | 07.07.2021 09:46

Allariz oferta visitas guiadas para os sábados de verán
Allariz oferta visitas guiadas para os sábados de verán | onda cero

A Área de Promoción Económica, Comercio e Turismo, pon en marcha a partires do día 17 de xullo, visitas guiadas polo casco histórico de Allariz todos os sábados de verán. Despois da gran acollida que tivo a actividade o verán pasado, volven as visitas con grupos reducidos dende a semana que vén ata finais de agosto.

As visitas desenvolveranse seguindo todas as normativas vixentes do momento contra a covid-19. Entre as medidas coas que se retomará a actividade neste 2021, inclúense a formación de grupos reducidos (máximo 20 persoas) con toma de temperatura e uso da máscara.

A visita partirá da oficina de turismo de Allariz ás 12:00h e terá una duración aproximada de 1 hora e media, na que percorrendo a beira do río Arnoia e o casco histórico de Allariz, coñecerase todo tipo de elementos culturais, monumentais, paisaxísticos e patrimoniais vencellados a historia alaricana, con especial atención as súas prazas, igrexas, recursos turísticos, lendas e anécdotas. O Arnado, a Praza Maior, A Paneira, a Igrexa de Santiago, a rúa da Cruz e o Edificio do antigo Xulgado adoitan a ser paradas inescusables nestes itinerarios. As rutas guiadas darán a coñecer Allariz coas máximas medidas de seguridade dunha forma amena e divertida.

As visitas terán unha capacidade limitada, polo que se deberá reservar praza na Oficina de Información de xeito presencial, por teléfono chamando ao 988 442 008 ou no correo informacion@allariz.gal. A tarifa xeral será de 6 € e reducida de 3€ para parados, estudantes e xubilados, sendo de balde ata os 10 anos inclusive.