Está dirixida ao sector comercial de Allariz e o obxectivo é, por un lado, conseguir que se atenda á clientela e provedores preferentemente en galego e que todos os rótulos, carteis e publicidade, xunto con elementos exteriores, estean tamén na nosa lingua.
Por outro lado, pretende estimular a clientela galego-falante a que manteña a súa lingua habitual nas relacións comerciais e animar, como non, a que fale na lingua propia aquel que non o fai habitualmente.
Esta campaña está dirixida a reforzar os valores positivos que pode engadir o uso do galego na comunicación comercial e pretende promover, tamén, as compras no comercio local.
Por iso, todas as persoas que realicen compras entre o 14 e o 18 de maio nos establecementos de Allariz, que se acollan á campaña, recibirán un adhesivo e poderán optar a dous premios de 100 € para mercar no comercio local, así como dous lotes de libros de Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Desde a área de Normalización Lingüística, poñen a disposición un correo electrónico normalizacion@allariz.gal para todo o sector comercial de Allariz, no que poderán enviar aquelas dúbidas que poidan ter respecto ao galego e ao seu uso nas relacións comerciais.