Oito unidades de Renault Clio Rally5 déronse cita na proba puntuable para o CERA Recalvi e seis foron os que completaron os percorrido, en dous días (venres e sábado) marcados polo mal tempo e as chuvias intermitentes.
Nese clima extremo por momentos, a parella de Lalín formada por Méndez e Enríquez foi a gran beneficiada, nunha carreira non exenta de problemas. Pequenos percances mecánicos na mañá do sábado retrasáronos lixeiramente, nunha fermosa loita con Gabriel Rodríguez Gándara e Álvaro Cerqueiras ao comezo (tiveron que retirarse por unha saída de estrada) e posteriormente con Diego Félix e Raquel Rodríguez.
Ao final, nunha apretada loita nos treitos finais, Mendez e Enríquez fixéronse co triunfo con apenas seis segundos de vantaxe sobre Félix e Rodríguez, que perderon as súas opcións de subir o caixón máis alto do podio tras facer un trompo e perder case medio minuto.
O terceiro posto do podio foi para José Joaquín e Borja Rasilla, que tiveron unha saída de estrada nos treitos da mañá, aínda que puideron continuar na competición para sumar uns valiosos puntos.
Completaron a clasificación xeral desta primeira proba do Clio Trophy Galicia Esteban Sobrino e Diogo Rodríguez, tamén de Lalín ao igual que os vencedores; Carlos González e Diego Rodríguez e Francisco Valdés e José Murado.
Os turcos Kerem Kazaz e Ali Emre Yilmaz non puideron rematar a proba cando rodaban terceiros por un problema mecánico e unha penalización posterior. Os primeiros líderes do Clio Trophy Galicia na xornada do venres, Gabriel Rodríguez e Álvaro Cerqueiras saíronse da estrada e non puideron continuar o sábado.
A próxima parada do Clio Trophy Galicia será o Rallye Sur do Condado do 7 ao 9 de xullo.