O cantautor Amancio Prada será un dos protagonistas da celebración do 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro na Insua dos Poetas, que se desenrolará o vindeiro sábado, 17 de decembro, baixo a organización da Fundación Insua dos Poetas e o respaldo da Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Parlamento de Galicia, Concello do Carballiño e o Concello de Mondoñedo.
A xornada cunqueiriana arrancará na Esgueva (Madarnás, O Carballiño) ás 10,00 horas do sábado 17, co desvelo da escultura realizada pola nova artista plástica Tatiana R. Fírvida (Boborás, 1995). Alegoría da obra de Álvaro Cunqueiro, é unha peza de aceiro inoxidable de 11,40 metros de ancho por 3,20 de alto titulada co verso cunqueirián "Ese alguén de meu que nunca volve…”. Esta será a primeira peza escultórica vencellada ao xenial escritor de Mondoñedo instalada na provincia de Ourense.
Nesta primeira parte da homenaxe intervirán as autoridades institucionais patrocinadoras do acto co acompañamento musical da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que estreará unha peza orixinal de Marco Foxo, “A Alborada da Insua dos Poetas”.
Na segunda parte do acto organizado pola Fundación Insua dos Poetas, a partir das 11,00 horas, intervirá César Cunqueiro González-Seco, fillo do escritor e proxectarase un vídeo. A continuación terá lugar o recital do cantautor Amancio Prada cunha selección de poemas de Álvaro Cunqueiro.
Rematará a instalación de Álvaro Cunqueiro na Insua dous Poetas -onde xa están presentes grandes da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Castelao, Risco, Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Dora e Pura Vázquez ou Casares- cunha degustación de polbo ó estilo Carballiño, pan do Irixo e viño do Ribeiro, produtos de excelencia gabados no seu día por Álvaro Cunqueiro.
Un escritor referencial na literatura contemporánea
Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981) está considerado pola crítica como un dos verdadeiros mestres das letras do país, cunha obra que o sitúa coma referente tanto da literatura galega como da literatura española do século XX.
Novelista, poeta, dramaturgo, xornalista, tradutor e gastrónomo -co seu fundamental ensaio "A cociña galega"-, a figura de Álvaro Cunqueiro é tan poliédrica como a súa obra. Vangardista, neotrobador e, sobre todo, un xenial narrador que deixou obras mestras como "Merlín e familia", "As crónicas do sochantre", "Se o vello Simbad volvese ás illas", ou "Un hombre que se parecía a Orestes". Esa asombrosa capacidade narrativa de Cunqueiro queda condensada tamén en escolmas de relatos como "Escola de menciñeiros", "Xente de aquí e de acolá" ou "Os outros feirantes".