A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e unha delegación procedente de Ourense, -integrada polo concelleiro e candidato á alcaldía do Bloque Luís Seara, a candidata Sonia Albor e o candidato Xosé Carballido-, mantiveron unha xornada de traballo en Bruxelas sobre a captación de fondos europeos destinados ao desenvolvemento local e a revitalización do patrimonio diante do desleixo do actual alcalde.
“Se o Bloque goberna Ourense, a revitalización da cidade será unha realidade a medio prazo, xa que no BNG temos as ideas e as mellores persoas para executalas”, subliña Ana Miranda tras as reunións celebradas no Comité das Rexións e na Comisión Europea. A eurodeputada nacionalista destaca a posibilidade de que Ourense participe en programas futuros que lle permitan non só recuperar o patrimonio, senón tamén fomentar o emprego e asentar a poboación. ”En Ourense falta vida e é imprescindible que o Bloque chegue ao goberno, con Luís Seara como alcalde, para que a cidade colla impulso”, afirma.
Na primeira reunión celebrada, que tivo lugar no Comité das Rexións e Cidades Europeas con Kieran McCarthy, relator do informe sobre a Nova Bauhaus Europea e Michael O Conchuir, Secretario Xeral do grupo Alianza Europea, a delegación expuxo a súa preocupación pola situación da cidade de Ourense, cun amplo casco histórico pero nun estado de lamentable abandono. Nos últimos 10 anos, a zona histórica perdeu preto de 2.000 habitantes e máis da metade das vivendas (dun total de 3.170) están baleiras, e só o 9% dos locais comerciais existentes están ocupados.
“É un drama que a metade das vivendas estean baleiras, co problema de seguridade que pode producirse”, denunciou Luís Seara no encontro, ao tempo que salientou a necesidade de que se leve a cabo unha recuperación integral, que teña en conta o comercio local e o termalismo, así como a posibilidade de copiar as boas prácticas que xa se fan noutros territorios.
Novas vías de colaboración
A delegación tamén mantivo un encontro coa xefa de Unidade de Política Cultural da Dirección Xeral de Educación. Xuventude, Deporte e Cultura, Catherine Magnant. Neste encontro, ademais de falar sobre as particularidades do casco histórico de Ourense, comentáronse os diversos proxectos europeos aos que a cidade das Burgas podería acollerse, dentro do marco da Nova Bauhaus Europea, así como as cidades nas que xa se están executando os fondos europeos vixentes, como os de recuperación e resiliencia vixentes, nos que hai diversos apartados destinados a cultura.
“Con estas xuntanzas ábrese unha vía de colaboración para o futuro que vai permitir acadar novas posibilidades para Ourense”, asegurou o candidato nacionalista, quen ademais salienta a empatía e a receptividade que atopamos ao expoñer os problemas de Ourense e as solucións globais que propoñemos.
“Se eu son alcalde voltaremos a Bruxelas a pedir os fondos europeos máis axeitados para revitalizar a cidade, tal e como acabo de facer sendo concelleiro”, manifesta Luís Seara, quen critica que Ourense está perdendo oportunidades polo pasividade do actual alcalde.