Cultura

A aposta da Deputación de Ourense polo audiovisual vese referendada no éxito dos premios Mestre Mateo

O presidente da Deputación resalta o balance da XXI edición dos galardóns outorgados en Ourense pola Academia Galega do Audiovisual, e que situaron a “O corpo aberto”, película patrocinada polo goberno provincial e gravada na Baixa Limia, como gran triunfadora con 12 premios.

Óscar Gómez

Ourense | 13.03.2023 07:53

A aposta da Deputación de Ourense polo audiovisual vese referendada no éxito dos premios Mestre Mateo
A aposta da Deputación de Ourense polo audiovisual vese referendada no éxito dos premios Mestre Mateo | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, resalta o balance para Ourense da XXI edición dos premios Mestre Mateo, entregados onte no Auditorio da cidade dentro da alianza do goberno provincial coa Academia Galega do Audiovisual.

Despois de asistir á gala, Manuel Baltar definiu esta noite coma “unha gran noite para o audiovisual galego, cun protagonismo total da provincia” e remarca os froitos da aposta da Deputación polo audiovisual: “Destacamos nesta liña de traballo entre os gobernos provinciais de toda España, con novos fitos como a constitución da Ourense Film Commission e patrocinando películas como ‘O corpo aberto’, que arrasa nos Mestre Mateo con 12 galardóns”.

Lembrando o protagonismo das películas patrocinadas pola Deputación, Manuel Baltar recorda que “senón houbese gañado ‘O corpo aberto’ podería gañar ‘O home e o can’ ou ‘Live is Life’, tamén patrocinadas polo goberno provincial ourensán e tamén gravadas na provincia. En definitiva, a nosa estratexia de apoio ao audiovisual vese referendada co éxito nestes premios”.

O presidente da Deputación da os seus parabéns a todos os premiados e á propia provincia, “porque nesta gala tiñamos Ourense por todas partes, dende a Xoven Orquestra da Ourensanía -que tocou na gala- ata o premio á mellor comunicadora, Esther Estévez, de Verín, o programa ‘Cinephilia’ de Telemiño ou o galardón a mellor serie web, da trivesa Raquel Nogueira”.

“O corpo aberto”, a gran triunfadora da XXI edición dos Mestre Mateo

“O corpo aberto”, opera prima de Ángeles Huerta patrocinada pola Deputación e gravada na Baixa Limia, foi a gran vencedora da XXI edición dos Mestre Mateo con 12 premios, entre eles mellor película, mellor dirección, mellor guión, protagonista masculino -Tamar Novas- ou de reparto -Federico Pérez-.