O evento, que ten como lema “Vive o Nadal con Artesanía de Galicia. O mellor agasallo” está organizado pola Asociación de Artesáns de Ourense e conta co patrocinio da Xunta co obxectivo de potenciar a comercialización do produto artesán galego e da marca Artesanía de Galicia durante a campaña de Nadal.
A través da Fundación Artesanía de Galicia, apóiase este mercado no que participan 8 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados na xoiería, na cerámica, na bixutería e na madeira. O Mercado de Nadal de Ourense está aberto ao público entre hoxe e o xoves 5 de xaneiro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas.
Os obradoiros de Artesanía de Galicia que participan no Mercado de Nadal de Ourense son María Aba (Ourense), Suso Calo – Lobo Tolo (Moaña), Artesanía Enxebre de Valdeorras (O Barco de Valdeorras), Olería do Batán (Baños de Molgas), Marta Restauración (San Cibrao das Viñas), Artesanía Nía (Pontedeume), Mario López (Vigo) e Rosa Fraíz (Vigo).
Vive o Nadal con Artesanía de Galicia
Dende comezos do mes de decembro, a Fundación Artesanía de Galicia ten en marca a campaña Vive o Nadal con Artesanía de Galicia, para animar os consumidores a apostar por produtos da marca Artesanía de Galicia para os agasallos de Nadal e apoiar a comercialización do produto artesán galego. A campaña está dirixida ás tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia e tamén aos diferentes eventos e mercados navideños protagonizados por Artesanía de Galicia. O obxectivo é dobre: dunha banda presentar o produto artesanal como a mellor opción para os agasallos que se realizan ao longo do Nadal, polo seu carácter de peza única e de autor – cada peza conta unha historia – e polo seu vínculo co territorio, coa produción local e sostible e coa economía circular. Pola outra, poñer en valor o comercio de proximidade e, dentro deste, os establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia e que comercializan produtos dun mínimo de 5 obradoiros artesanais rexistrados.