A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, retoma a campaña A artesanía di moito de ti, iniciada o verán pasado co obxectivo de impulsar o produto artesanal galego entre as tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, así como de incrementar a posta en valor da artesanía galega entre a sociedade e o comercio de proximidade.
Os establecementos que contan co uso da marca Artesanía de Galicia son tendas que acreditan que comercializan produtos dun mínimo de 5 obradoiros artesanais rexistrado. Desde o inicio do ano 2022, o número de tendas adheridas a Artesanía de Galicia incrementouse en preto dun 30% e son xa 33 as tendas que contan con este distintivo en toda a Comunidade. Ao mesmo tempo, neste 2023 a marca continúa a consolidarse no mercado europeo, especialmente no nórdico, grazas á participación da Xunta en feiras internacionais de decoración como Formex, celebrada en Estocolmo en xaneiro deste ano, na que se amosou unha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea que reuniu o traballo de 37 obradoiros artesanais.
Como na edición anterior, a campaña A artesanía di moito de ti inclúe material promocional para as tendas da marca e tamén unha proposta para redes sociais nas que se publicarán as fotografías dos establecementos e dos clientes con estes materiais e a etiqueta #aartesaniadimoitodeti2023.