O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presentou as obras de instalación dun ascensor que conectará a rúa do Progreso coa Alameda do Cruceiro (popularmente coñecida como Parque Infantil), que inicia o Concello de Ourense. O proxecto ten como finalidade mellorar a mobilidade peonil entre ambos os espazos, actualmente comunicados a través dunhas escaleiras con pronunciada pendente. O ascensor terá dúas paradas, a primeira á altura dos locais municipais que se atopan a media altura das escaleiras, e unha segunda á altura da propia Alameda do Cruceiro.
O alcalde explicou que o proxecto mellorará de forma importante a mobilidade a todas as persoas que se dirixen desde a rúa do Progreso ao Parque Infantil, ao equipamento sanitario (Punto de Atención Continuada -PAC- da rúa do Concello) ou ao Parque de San Lázaro, xa que non terán subir as escaleiras actuais nin afrontar as pendentes da rúa do Concello ou Xoán XXIII:
As obras teñen un orzamento de licitación de 427.000 euros, serán realizadas pola empresa ourensá Coviastec e estarán rematadas no mes de xuño ou xullo.
O alcalde destacou o grande volume de obras que está executando actualmente o Concello na cidade, por un montante que cifrou en torno a uns 35-40 millóns de euros: “Nunca na historia de Ourense se fixeron tantas obras como se están facendo agora”, asegurou. Tamén subliñou que “case todo o mundo que están facendo obras en Ourense son empresas ourensás, non como antes, que eran empresas foráneas”. Isto é así, dixo, “porque lles damos oportunidade a todo o mundo e a xente de Ourense é máis competitiva”.