A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo lembrou que ata o 7 de agosto se poden solicitar os máis de 4,8 millóns de euros do programa Emega de fomento do emprendemento feminino, que este ano prevé outorgar unhas 370 axudas grazas a un orzamento case un 10% superior ao do ano pasado. Foi durante a visita a unha escola infantil e a un taller de xoias 3D beneficiarios en conxunto de 44.000 euros no marco deste programa e que cualificou de perfectos exemplos do “talento feminino” que existe na provincia ourensá.
Na visita, a conselleira recordou que as axudas Emega permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego, o que suporá un gran avance colectivo e unha maior prosperidade para Galicia “axudando a mulleres emprendedoras e talentosas”· En concreto, buscan apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Así, Elena Rivo lembrou que o programa está integrado por catro liñas: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
En concreto, a escola infantil Arlequín viuse beneficiada dunha achega de 17.000 euros da liña Activa co gallo de renovar os materiais dedicados á educación dos nenos, adquirir equipamento tecnolóxico e crear unha páxina web que permita unha mellor interacción entre os pais e a escola, así como para investir en marketing online. Deste xeito, contribúese á consolidación dos postos de traballo das seis mulleres profesionais coas que conta o negocio, todas con contrato indefinido.
No caso da empresa de deseño e fabricación de xoias Suagongo, con dous postos de traballo femininos asociados, unha subvención de 27.000 euros da liña ITEF permitirá darlle un pulo a esta iniciativa que combina a artesanía tradicional coa tecnoloxía 3D, destacando o proxecto polo seu carácter innovador e sustentable, ao elaborarse as pezas con materiais de orixe vexetal.
Beneficiarias do programa Emega
Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.
Cualificado como boa práctica pola Unión Europea, Elena Rivo puxo de relevo que o programa Emega conta con 27 anos de traxectoria en Galicia, nos que se viron beneficiadas “máis de 2.300 mulleres emprendedoras”. Destacou que o pasado 2022 concedéronse ao abeiro deste programa 67 axudas na provincia de Ourense (346 en Galicia), que deron lugar a 115 empregos femininos de carácter estable na provincia (619 no conxunto da comunidade, dos que 396 foron empregos novos e 223 mantidos).