A Xunta de Galicia incrementou un 30% a achega que realiza ao financiamento de 59 prazas públicas na residencia para a atención a persoas con discapacidade de Baños de Molgas, superando na actualidade os dous millóns de euros a través do concerto social. A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe este centro da Fundación San Rosendo con capacidade para 90 usuarios.
Ademais deste investimento en mellorar a oferta de prazas públicas para as familias da zona, Begoña Abeijón apuntou que a Xunta mantén outras liñas de colaboración coa residencia. Así, o ano pasado subvencionou con 87.000 euros a adquisición de dos vehículos para os desprazamentos dos residentes e un programa para a implantación no centro do modelo de Atención Integral Centrado na Persoa (AICP). Esta última achega concedeuse a través da orde de axudas do 0,7% do IRPF
A directora xeral destacou que o Executivo autonómico seguirá ampliando a rede pública de servizos para a atención á discapacidade, tanto a través de concertos sociais coas principais entidades que traballan neste ámbito como de distintas liñas de axuda para a mellora de instalacións ou o desenvolvemento de programas, entre outras.