Ourense Cidade

Os autobuses de Ourense contan cun certificado de calidade

O selo de AENOR certifica que se implantaron as medidas máis eficaces de protección contra a COVID-19, cumprindo todas as instrucións das autoridades sanitarias e as prácticas recomendadas polas institucións.

Óscar Gómez

Ourense |

Bus urbano co selo AENOR | Concello de ourense

A concesionaria do servizo de transporte colectivo de viaxeiros de Ourense, Avanza, conta desde hoxe coa certificación dos protocolos fronte á COVID19 que emite o organismo independente AENOR. Este selo avala que a empresa actúa en todos os ámbitos para reducir e evitar posibles contaxios de coronavirus, aplicando protocolos específicos e exhaustivos para a seguridade de traballadores e usuarios dos autobuses.

Este protocolo inclúe todas as instrucións das autoridades sanitarias e as prácticas recomendadas polas institucións internacionais, e asegura un “espazo seguro” para mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través da mobilidade. AENOR revisará trimestralmente o cumprimento escrupuloso do protocolo en todas as súas instalacións.

Un dos aspectos que incorpora o certificado é que a empresa debe incluír un plan específico de crise aplicado en caso de detectarse un positivo entre traballadores ou usuarios.