Os autobuses urbanos do Concello de Ourense circulan desde este sábado, día 7 de novembro, con prazas limitadas, atendendo as indicacións das autoridades sanitarias a vista da evolución da pandemia da COVID-19. Así, só se poderán utilizar o 50% dos asentos dos vehículos, de forma que persoas non conviventes non ocupen espazos contiguos. As prazas para viaxar de pé reduciranse ao 25%.
O Concello de Ourense adopta esta medida tras realizar unha consulta á Dirección Xeral de Mobilidade sobre a aplicación aos autobuses municipais da orde do día 4 de novembro da Consellería de Sanidade pola que se establecen medidas de prevención específicas pola evolución da pandemia. Aínda que a norma non cita expresamente aos autobuses municipais, as restricións sonlles tamén aplicables, informou esta tarde a Xunta ao Concello.
O Concello de Ourense solicita aos usuarios que durante os próximos días procuren utilizar os autobuses urbanos só se resulta necesario, dada a limitación de prazas existente. Desde o Concello realizarase un seguimento diario dos servizos para adoptar as medidas que, no seu caso, sexan precisas.