Ourense Provincia

Avanzan as obras de piscinas e tobogáns do complexo deportivo de Monterrei

Diego Calvo destacou a importancia da colaboración das administracións en proxectos deste calado, que neste caso supoñen un orzamento inicial de máis de 10M€ nas súas catro fases, que cofinancian a Xunta e a Deputación provincial de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 30.03.2023 07:53

Avanzan as obras de piscinas e tobogáns do complexo deportivo de Monterrei
Avanzan as obras de piscinas e tobogáns do complexo deportivo de Monterrei | onda cero

Os traballos da primeira das catro fases do parque acuático comezaron o pasado mes de febreiro e está previsto que rematen ao longo deste verán, de maneira que a zona das piscinas e tobogáns poidan estar dispoñibles para a veciñanza e os visitantes.

Cómpre lembrar que a Xunta autorizou o novo contrato destas obras o pasado novembro por un importe de máis de 5,7M€, aos que hai que engadir outros 1,3M€ das actuacións levadas a cabo pola anterior adxudicataria. A suspensión deste primeiro contrato obrigou á Xunta a traballar nun novo con carácter de urxencia para continuar co proxecto. Polo tanto, a contía desta primeira fase ascende a 7M€.

Das actuacións da primeira fase destacan precisamente a nova zona de xogos acuáticos infantís e a reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando e rehabilitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns.

Tamén se está a traballar na creación dunha nova zona de acceso á parcela e dun aparcamento; e na construción dun novo edificio de acceso ao complexo, con vestiarios, zona de administración, oficinas e espazos servidores. Rehabilitaranse ademais as edificacións existentes, poranse en marcha outras de distintos servizos e renovarase a rede de saneamento e abastecemento.

Haberá novas zonas de lecer e espazos abertos, prazas e sendas peonís, o que permitirá, como asegurou o vicepresidente segundo desfrutar das instalacións e da contorna que as rodea. De feito, o novo complexo no concello do Pereiro de Aguiar ofrece un marco idóneo para a organización de actividades lúdico-deportivas no medio natural.