A Deputación de Ourense pon os seus recursos técnicos e xurídicos a disposición dos concellos da provincia, para facilitar neste caso a aplicación práctica das novidades introducidas pola reforma laboral e as medidas para reducir a temporalidade no emprego público.
A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá unha xuntanza telemática presidida polo vicepresidente terceiro, Plácido Álvarez, e na que persoal técnico e xurídico da Deputación e representantes dos concellos abordaron diferentes aspectos relativos ao Real Decreto-Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado do traballo e pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para reducir a temporalidade no emprego público.
O vicepresidente terceiro da Deputación resalta que foi un encontro “moi produtivo e cunha altísima participación”. Plácido Álvarez avanzou a máxima colaboración cos 92 concellos da provincia, “na liña de cooperación e soporte aos municipios que sempre mantemos nesta institución”.
A Deputación elaborou varios documentos sobre esta cuestión que se achegaron aos concellos da provincia, como unha guía práctica relativa ás novidades introducidas polas medidas urxentes para a reforma laboral, instrucións vencelladas aos cambios no marco laboral ou un cronograma das actuacións a realizar polas entidades locais para cumprir o mandato da lei relativa ás medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
Na xuntanza desta mañá, os técnicos da Deputación aclararon aos representantes municipais cuestións sobre os documentos aportados, así como diferentes cuestións relacionadas con este tema. Ademais, a Deputación facilitou aos concellos un correo electrónico para que trasladen novas cuestións específicas de cada goberno municipal.