Galicia pechou setembro coa segunda cifra de paro (144.109) máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes. O paro, tal e como resaltou, caeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos liderando o descenso por sexto mes consecutivo a industria (-12,22%). O desemprego tamén baixou con respecto a setembro de 2021 entre os colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos (-9,77%) e as mulleres (-6,23%).
Con respecto á evolución mensual, a subida do paro (+1,55%), xeneralizada tamén no conxunto do Estado, continúa coa mesma tendencia rexistrada outros anos no mes de setembro, no que finalizan moitos contratos estacionais. En canto ás afiliacións, Galicia mantén a súa cifra de cotizantes por enriba do millón de persoas, cun incremento desde setembro de 2021 do 1,46%, un período no que a Comunidade galega gañou 15.117 afiliacións.
“Estamos nesa senda na que Galicia mostra un comportamento estable, na que continúa descendendo o número de parados e estamos en cifras realmente históricas en canto a desempregados”, declarou a conselleira, quen se mostrou convencida de que o Goberno galego ten que seguir a apostar por políticas activas de emprego que fagan que “non se destrúan os negocios e para que se creen novas empresas que é o que ao final consolida empregos de calidade”.
A conselleira puxo en valor, neste sentido, a nova estratexia para o emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo, coa que o Goberno galego prevé xerar máis e mellor emprego e quere facer máis accesibles, próximos e dinámicos os servizos de emprego.
Segundo puxo en valor Lorenzana, para cumprir estes tres obxectivos, a Administración autonómica está a poñer en marcha novas ferramentas, mecanismos e axudas para afianzar en Galicia o emprego de Galicia. Ao respecto, referiuse ao novo programa Xempre Emprendemento, con apoios dirixidos a pemes, autónomos e entidades de economía social que se poden solicitar desde hoxe. Inclúen achegas de ata 30.000 euros para apoiar investimentos realizados este ano por iniciativas empresariais que teñan iniciada a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2020 (ou máis tarde) e permanezan en activo.
A conselleira destacou, por outra banda, o apoio da Xunta ás persoas autónomas de Galicia, explicando que o Goberno galego, de cara a 2023, establecerá un “escudo protector” para máis de 25.000 profesionais autónomos con axudas de 1.200 euros anuais de media coa finalidade de que poidan facer fronte a incrementos das súas facturas. Isto suporá un investimento adicional para este colectivo de 30 millóns de euros.