O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou por vía telemática na Xunta Directiva da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que na súa primeira reunión do ano repasou, entre outras cuestións, a situación do mundo local.
Ao remate da convocatoria, Manuel Baltar agradeceu o recoñecemento da federación por converter a Ourense “na capital dos gobernos provinciais de España”, en referencia ao encontro que o próximo 6 de febreiro celebrará por primeira vez na capital ourensá a Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP.
colaboración institucional co resto das escalas de goberno
Manuel Baltar explica que a elección de Ourense como sede desta reunión “pon en valor o traballo que estamos a facer desde o goberno provincial, con fitos tan importantes como o liderado en transparencia, a consecución da débeda cero ou ser a primeira administración pública de España en aprobar os orzamentos do seguinte exercicio, o que fala de nós como exemplo anticipación, planificación e rigorosidade na xestión”.
O presidente da Deputación adianta que na convocatoria de Ourense “falarase en liñas xerais dos retos que afrontarán os gobernos locais con vistas ao novo mandato no período 2023-2027”, poñendo énfase na palabra cooperación. “A colaboración institucional co resto das escalas de goberno –supramunicipal, provincial, autonómica e nacional- é un dos asuntos que temos que abordar como eixo básico no mundo da xestión pública”, afirma Manuel Baltar.
A reunión en Ourense da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, a última en celebrarse antes das eleccións municipais do 28 de maio, parte dunha proposta do presidente da Deputación que foi ratificada no encontro que este órgano mantivo en outubro pasado en Cáceres.
A cita do 6 de febreiro comezará no Pazo Provincial coas reunións preparatorias dos grupos, continuando ao mediodía no Centro Cultural Marcos Valcárcel onde se celebrará o plenario, do que forman parte medio centenar de presidentes provinciais.