O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto de celebración do 44º aniversario da Constitución española, “un texto que alumea a nosa democracia, un instrumento fundamental que marca o progreso e modernización do Estado español”.
Manuel Baltar participou no Auditorio de Ourense no acto de entrega dos premios aos escolares participantes no 38º concurso temático anual sobre a Constitución convocado pola Subdelegación do Goberno. O presidente da Deputación remarca a importancia da Carta Magna, “o marco que garante o progreso de España, instaurando o modelo autonómico ao converterse na panca de desenvolvemento de Galicia á vez que salvagarda a solidariedade e a unidade”.
Manuel Baltar felicitou ao subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, pola organización dun acto “que volve a situar un ano máis a Ourense como exemplo de celebración da Constitución”. O presidente da Deputación incide na importancia de fomentar dende a escola os valores constitucionais, “a través dun merecido homenaxe similar ao que realiza a Deputación arredor do Estatuto de Autonomía”.
O acto estivo presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; e contou tamén coa presenza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o delegado da Xunta, Gabriel Alén; o presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña; a fiscala xefe de Ourense, Eva Regueiro; e cargos do Congreso, o Senado, o Parlamento galego e deputados provinciais, ademais doutras institucións e representantes dos ámbitos sociais, da xudicatura e da cultura.
A Subdelegación do Goberno en Ourense convocou un ano máis o Concurso da Constitución, nesta ocasión arredor dos artigos 44 e 46, un concurso dirixido a estudantes dos distintos niveis educativos de entre 3 e 18 anos da provincia de Ourense.
Mencións especiais por “actividades extraordinarias a prol da sociedade”
Durante o acto tamén se entregaron mencións especiais por “actividades extraordinarias a prol da sociedade” á Cruz Vermella en Ourense, pola súa labor na crise da guerra de Ucraína; ao Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña (GREIM), pola súa participación na operación de rescate da avioneta siniestrada en Trevinca o pasado mes de outubro; ao Seprona e á Policía Xudicial de Ourense, pola súa investigación arredor das autorías dos incendios forestais; e a Juan Carlos Blázquez, comisario xefe provincial, despois de 42 anos de servizo. A Subdelegación tamén quixo recoñecer ao exgobernador civil de Ourense Mariano Sanz, impulsor no seu momento deste acto.