Ourense Cidade

Baltar e Elvira Lama rexeitan reclamar para cidade a sede da Axencia Espacial Española

“Ourense é a única candidatura que cumpre con todos os requisitos” incidiu Villarino quen tamén reivindicou que “mentres na Deputación se aledan de que A Coruña leve a AESIA, nós aledámonos de que Ourense poida acoller a Axencia Espacial”.

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2022 08:13

O Psoe impulsa unha iniciativa para que Ourense sexa a seda da futura Axencia Espacial
O Psoe impulsa unha iniciativa para que Ourense sexa a seda da futura Axencia Espacial | Diario de León

O PP de Baltar e a deputada tránsfuga Montse Lama veñen de darlle unha “labazada histórica” a Ourense, ao rexeitar reclamar a sede da Axencia Espacial Española (AEE), grazas a unha iniciativa de urxencia do PSdeG-PSOE. Concretamente, o texto que os conservadores rexeitaron insta á institución a demandar esta axencia “en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público estatal, así como na restante normativa reguladora, presentando a súa candidatura formal dentro do prazo establecido para este proceso”.

Tamén pide ao Goberno de España “afondar nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía e, nomeadamente, que unha desas sedes sexa a AEE, en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022”.

Rafa Villarino salientou a urxencia da iniciativa, xa que o prazo para presentar candidaturas remata o vindeiro luns 7 de novembro e ata entón non terá lugar ningunha outra sesión ordinaria do pleno. “Ourense é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos, de formación e despoboamento” incidiu o voceiro ao tempo que reivindicou que “mentres na Deputación se aledan de que A Coruña leve a AESIA, nós aledámonos de que Ourense poida acoller a Axencia Espacial”.

“A única escola de Aeronáutica e Espacial que existe en Galicia e no noroeste de España está precisamente en Ourense”, salienta Villarino antes de incidir en que contamos cun tecido empresarial formado por Coasa-Aernnova, Laddes Works ou Egatel, todas elas grandes empresas do sector, así como boas comunicacións tanto ferroviarias como aéreas e por estrada, todos eles criterios específicos desta convocatoria.

Os e as socialistas recordan que “o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou que presta apoio político e recursos técnicos dispoñibles do Concello para presentar a candidatura”, polo que insisten pedir a todas as administracións públicas –Deputación e Xunta de Galicia– “non deixar pasar esta oportunidade”, posto que Ourense conta cun “ecosistema universitario e empresarial vencellado á aeronáutica”, polo “cumpre sobradamente”. “Tamén a universidade e o campus ourensá manifestaron o seu compromiso coa proposta por vía telefónica”, aseveran.

Este organismo público, cuxa creación aparece recollida reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, conta cun compoñente dedicado á Seguridade Nacional e permitirá coordinar as políticas nacionais sobre o espazo, así como a participación de España en programas internacionais neste ámbito, ademais de ser unha ferramenta imprescindible para o avance da ciencia.