Orzamentos 2021

Baltar: “Os orzamentos da Deputación son sinónimo de cooperación con concellos e veciñanza"

Baltar dixo que en 2021 a Deputación de Ourense “seguirá tendo voz e voto nos foros nacionais e internacionais de gobernos provinciais, falando de territorio, de servizos e de futuro”

Óscar Gómez

Ourense |

Baltar: “Os orzamentos da Deputación son sinónimo de cooperación con concellos e veciñanza" | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da Deputación de Ourense para o ano 2021, sendo un ano máis a primeira administración pública do Estado en aprobalos (o pasado 25 de setembro), salientando, neste sentido “a anticipación, previsibilidade e planificación, como liñas mestras da acción e da visión política”, e afirmando que estes orzamentos “son sinónimo de cooperación cos concellos e a veciñanza, destacando os ámbitos social, de medio ambiente e cultura”.

“Trátase de cumprir o único plan de mandato provincial presentado ao electorado galego diante das urnas en maio de 2019, o Plan “Ourense 7273”, que especifica día, hora e mes de posta en marcha das medidas que o compoñen. O mesmo que faremos en 2023 con ocasión das eleccións locais a celebrar o día 28 de maio”, afirmou Baltar, quen na súa intervención lembrou “ás vítimas da pandemia, 294 ourensáns neste intre, confiando unha pronta recuperación a quen está a sufrir o coronavirus”, e enviando “unha mensaxe de ánimo para as súas familias e o meu desexo de boa saúde para todos”.

Neste sentido, expresou tamén a súa “solidariedade para os sectores económicos e traballadores que están a padecer os efectos máis duros desta pandemia, con mención especial para a hostalería afectada por restricións que ameazan a viabilidade de tantos establecementos pechados”, dixo, salientando que estes orzamentos “seguen a ser os da cooperación cos concellos e coa veciñanza da provincia, facendo especial fincapé nos aspectos medioambientais, sociais e culturais”. “Unha Deputación -dixo- que ten capacidade de seu para responder con carácter inmediato ante calquera continxencia ou situación extraordinaria, como fixemos e facemos neste 2020 como consecuencia da pandemia. Sempre da man da sociedade e das entidades máis representativas”.

Desta maneira, lembrou a posta en marcha do Comité do Día Despois ao inicio da crise; do consellos asesores de Cultura e de Turismo, e, da man das entidades sociais, duplicando as axudas co plan de empregabilidade para todos os concellos da provincia.

Destacou que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2021 ascenden a 79.700.000 euros, e os do Inorde -o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico-, a 1.817.000 euros. Entre as liñas de actuación destacou o ámbito social, cos plans BenOurense, e tamén significou a modificación das bases do Plan provincial de cooperación e do Plan provincial de mocidade “para que os concellos poidan utilizar estes recursos económicos no que entendan máis necesario e urxente para os seus territorios, ben sexan para adherirse ao réxime xeral contemplado nas bases actuais ou solicitar o ingreso nas arcas municipais para paliar os efectos do COVID-19. Todo para que o 2 de xaneiro de 2021 estes orzamentos estean en disposición de executarse”, expresou Baltar.

Formación, promoción turística e deporte

O presidente do goberno provincial dixo que en 2021 “veremos as vantaxes de operar unha vez acadada a “débeda cero” da institución. Serán un ano no que abrirá en Ourense o Centro Galego de Innovación na FP “Eduardo Barreiros”, unha aposta da Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia, e no que a Ribeira Sacra será distinguida como Patrimonio Mundial pola UNESCO, unha andaina que se iniciou en 2013 no Pazo Provincial ourensán”.

Asemade, destacou que en 2021 seguirá dando pasos firmes o futuro Parque Acuático de Monterrei, e a Deputación de Ourense seguirá liderando en transparencia a todos os gobernos provinciais de España. En materia deportiva salientou que o Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, “pisará forte con novas infraestruturas e un gran proxecto de futuro, preparando a Coupe de la Jeunesse de 2022”, e que no vindeiro ano comezará a implantación do Plan “Destino Turístico Intelixente”, “pioneiro e vangardista, que fará que consolidemos os mellores números da historia no turismo, que foron os de 2019”.

Foros nacionais e internacionais

Baltar dixo que en 2021 a Deputación de Ourense “seguirá tendo voz e voto nos foros nacionais e internacionais de gobernos provinciais, falando de territorio, de servizos e de futuro”, entre os que citou a FEMP, a Fundación Democracia e Goberno Local, a Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Embalses e Centrais Hidroeléctricas, e con especial fincapé Partenalia, a Asociación Europea de Gobernos Provinciais que preside, ao igual que a Asociación termal europea EHTTA -51 sitios termais de 18 nacións-, ou mesmo a CEPLI -1167 provincias europeas- da que é vicepresidente.

Neste sentido, avanzou que en 2021 “faremos efectiva a nosa entrada no Eixo Atlántico, unha excelente plataforma para seguir traballando en rede compartindo experiencias de éxito e innovando a prol de Ourense”.

Os orzamentos de 2021 serán tamén acaídos, dixo, para poñer en marcha os 30 acordos e actuacións que derivaron do Debate sobre o estado da provincia, celebrado o pasado 17 de novembro, citando como exemplo, entre outros, a creación do programa “Ourense provincia biosostible” (oficina para axudar aos concellos a captar fondos do programa “Green Deal”, dotado con 1.000 millóns de euros); abrir unha nova etapa de xestión en MEISA (Estación de montaña de Manzaneda) coa desestacionalización como obxectivo de mellora permanente e a identificación plena coa comarca); a Plataforma informática provincial en colaboración cos concellos, como escaparate de vivendas en disposición de ter vida no rural; converter a rede viaria provincial nunha vía escolar segura (existen case 30 CEIP con acceso directo a vías provinciais); e atribuír a un membro do goberno provincial as competencias en materia de cumprimento e seguimento da axenda 2030.

Proxecto de xestión ambiental integral

Nesta área, expresou, cobra especial relevancia “a colaboración público-privada como a iniciativa que vimos de presentar onte, un Proxecto de Xestión Ambiental Integral para a comarca da Limia que, ademais da innovación, o crecemento económico e a mellora do impacto ambiental no noso territorio, ofrece unha solución para a xestión de residuos, con tres liñas de actuación: planta de biometanización; planta solar fotovoltaica e planta de obtención de hidróxeno verde”.

Neste sentido, Baltar explicou que a Unión Europea ten instaladas con esta tecnoloxía algo máis de 700 centros de produción de biometano. “En España só temos cinco, ningún deles en Galicia. Os datos económicos e socioeconómicos do proxecto son os seguintes, financiados desde o sector privado: 21 millóns de euros, 20 empregos directos e 100 empregos indirectos”.

No apartado expositivo avanzou que o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá as mostras “De Nós a nos”, en colaboración coa Xunta de Galicia, e “Afonso X O Sabio e Galicia” co Consello da Cultura Galega.

Rematou o presidente reivindicando “a xa reiterada, ano tras ano, participación das entidades locais nos tributos da Comunidade Autónoma, en coherencia cos textos constitucional e estatutario”, e tamén “o equilibrio territorial, dispoñendo que se contemple a provincia de Ourense como futura ubicación dos proxectos tractores da economía galega que concorran aos fondos New Generation”.

Tamén instou á Xunta de Galicia e ao Estado “a tomar as medidas cara a extensión da fibra ou redes de Internet con suficiente capacidade para traballar e estudar dignamente no rural ourensán, máis aínda na situación que estamos a padecer”, e criticou que desde o inicio da pandemia “o Goberno central non enviou un solo euro ás entidades locais”. Neste sentido, engadiu que os grupos parlamentarios que sosteñen ao Executivo “tampouco fixeron súas as emendas aos orzamentos do Estado que a FEMP fixo chegar. Un desprezo como nunca houbo na historia do municipalismo”. Pola contra, Baltar afirmou que o camiño é o da “colaboración e coordinación, verbas básicas para encarar o futuro coas mellores perspectivas”.