O presidente da Deputación, Manuel Baltar, vén de participar no documental “España Rural Viva”, dirixido polo xornalista e director de Next Educación, Manuel Campo Vidal, e proxectado durante a celebración do IV Congreso Nacional de Despoboamento e Reto Demográfico, un evento organizado o 16 e 17 de febreiro pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) xunto coa Deputación de Albacete.
O documental, producido por Next Educación co patrocinio da FEMP e financiación do Goberno central, realiza un percorrido ao longo destes últimos catro anos, permitindo discernir a evolución e a situación actual da “España Vaciada” e dos movementos asociados ao despoboamento e ás reivindicacións por un rural vivo. Ademais de Manuel Baltar, nesta produción audiovisual participan diferentes personalidades políticas relevantes en materia de reto demográfico como o secretario xeral para o Reto Demográfico, Francisco Boya; a ministra de Política Territorial e voceira do Goberno, Isabel Rodríguez; ou a presidenta da Deputación de Huelva, María Eugenia Limón.
Durante a súa intervención no documental, Manuel Baltar explica que “hoxe xa non hai desesperanza no mundo rural. Existe un discurso do territorio, compatible co discurso das persoas. É unha cuestión de Estado, polo tanto, é un discurso no que cremos, e agora hai que sentir paixón por el e defendelo todos, desde a aldea máis pequena á cidade máis grande”.
Sobre a situación territorial da España interior, Manuel Baltar defende que “estamos moi cerca da solución, vexo que non é un problema exclusivo de España senón que hai tamén unha Europa despoboada, e vexo que os distintos gobernos, con este tema instalado na axenda, van optar por transversalizar as políticas para que todas se fagan pensando no Reto Demográfico”.
“Eu creo que esa é a solución, e ese punto que falta, aproveitando tamén estes fondos Next Generation, espero que a seguinte xeración sexa unha xeración que crea no rural e que sinta paixón polo territorio”, sinala o presidente do goberno provincial de Ourense.
Manuel Baltar ve as deputacións “como o mellor aliado dos concellos” e prantexa a creación da Mesa Nacional de Reto Demográfico
Sobre as diferentes administracións que deben estar involucradas no Reto Demográfico, o presidente da Deputación explica que “non hai un aliado mellor dos concellos que as deputacións. Tamén as Comunidades Autónomas, coa que no caso galego hai unha cohesión total, pero no seu momento as deputacións foron as creadoras do Estado Autonómico, creando esas 17 Comunidades Autónomas. Eu creo que habería que plantexarse crear entre todos unha gran Mesa Nacional do Reto Demográfico”.
Finalmente, Manuel Baltar reivindica que “nunca houbo unha etapa histórica con maior nivel de concienciación colectiva da importancia do mundo rural, que é o soporte do mundo urbano. Soamente falta que aquelas persoas instaladas en grandes despachos lonxe da realidade, descendan, falen, escoiten, e vexan; e así daranse conta da importancia deste movemento.
Dentro do documental tamén se mostran escenas de Ourense co motivo da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, celebrada o pasado 6 de febreiro na cidade a proposta de Manuel Baltar.
IV Congreso Nacional de Despoboamento e Reto Demográfico
Este congreso tivo como finalidade reunir aos representantes dos territorios en risco de despoboamento e a diversos investigadores nesta materia, para así avaliar todo o que se ten feito no eido do Reto Demográfico por parte das institucións e abrir novas liñas de acción para que o rural se constitúa como un territorio de oportunidades.
Ao longo dos dous días de celebración, e baixo o lema “Políticas Públicas para el Reto Demográfico, fóronse realizando diferentes palestras onde se aportaron e debateron diferentes propostas de actuación e visións do Reto Demográfico no que se atopa somerxido o ámbito rural español. Estas sesións foron dirixidas por representantes de Entidades Locais -Concellos e Deputacións- , do Goberno de España, de gobernos autonómicos, docentes e investigadores de diferentes universidades e representantes do sector terciario.
Entre os eixos temáticos abordados destacaron: o papel da ciencia e da investigación para o equilibrio territorial da man de distintas universidades, a dixitalización e a conectividade universal, a lexislación e o impacto demográfico, ou a construción da cohesión territorial e social desde o mundo local.