O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do orzamento da Deputación de Ourense para 2023. “Veño cos orzamentos da Deputación de Ourense para 2023 xa aprobados, como fixen sempre antes, un ano máis a administración pública que primeiro aproba os orzamentos no contexto estatal, a calqueira nivel territorial”, resaltou Manuel Baltar.
O presidente da Deputación situou como claves dos orzamentos anuais a “anticipación, previsibilidade e planificación”. Tres eixos que provocaron, explicou, “que esta Deputación presentara, antes que ningún outro goberno provincial do Estado unha Estratexia de Captación de Financiación Europea para a provincia de Ourense no período 2021-2027. Non só para os Next Generation, tamén para o novo marco financeiro plurianual da Unión. Con 18 proxectos tractores pensados para outorgar beneficios directos a tódolos concellos do territorio”.
No tocante ás contas, Manuel Baltar resaltou que as de 2023 son “as máis altos da historia da administración provincial, con 90.970.000 euros, medrando un 7% con respecto ao exercicio de 2022 ao incorporar 6 millóns máis. Seguen a ser os orzamentos da cooperación cos concellos e coa veciñanza da provincia, facendo especial fincapé nos aspectos medioambientais, sociais, turísticos e culturais”.
O presidente do goberno provincial valora a “capacidade de seu da Deputación para respostar con carácter inmediato ante calquera continxencia ou situación extraordinaria. Sempre da man da sociedade e das entidades máis representativas”. Con fitos, explicou, como traballo en cooperación coa Xunta de Galicia para a “recuperación da operatividade da Cámara de Comercio e Industria con novas eleccións, novo pleno e nova presidencia en 2023”.
A proposta económica para 2023, xa aprobada, recolle, explicou Manuel Baltar, no estado de gastos 35,2 millóns de euros en persoal; 23 millóns para gastos correntes en bens e servizos; 329.000 euros en gastos financeiros; 14 millóns en transferencias correntes; un fondo de continxencia de 300.000 euros; 11,6 millóns de euros en investimentos reais; 5,3 millóns de euros para transferencias de capital; e algo máis de 700.000 euros e outros 300.000 euros en pasivos e activos financeiros.
En liñas xerais, o orzamento da Deputación de Ourense para 2023, detallou que as contas destinan 34,9 millóns para obras e servizos; 9,86 millóns para cooperación cos concellos; 6,75 millóns para o capítulo social; 4,93 millóns para cultura; 1,5 millóns para educación; 2,66 millóns para deportes e 1,55 millóns para administración electrónica. O Inorde, explicou Manuel Baltar, disporá o próximo ano de máis de 1,9 millóns, cunha suba do 6,3 % respecto ao ano anterior.
Liñas de traballo estratéxicas para o ano 2023
Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2023 contemplan, entre outras, as seguintes liñas de traballo e áreas estratéxicas, segundo detallou Manuel Baltar na súa comparecencia:
1- Plan de fomento do emprego dotado con 1.830.000 euros
2- Apostamos polas axudas á natalidade -325.000 euros- e polas axudas a concellos para actuacións relacionadas coa mocidade por 549.000 euros.
3- Plan para gastos correntes para aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, dentro do Plan de cooperación para obras e servizos.
4- Programa de acción social en cooperación cos concellos por importe de 1.200.000 euros.
5- Subvención á UNED por 430.995,48 euros e á Universidade de Vigo por 220.000 euros.
6- Financiamos os G.E.S, “na parte que deberían aportar os concellos” con 1 millón de euros.
7- Dótase ao Consorcio Provincial de Incendios con 1.419.750 euros.
8- Liña de subvencións de deportes -350.000 euros- e o Plan Tarazana de actividades culturais e recreativas -150.000 euros-. Mantense o programa SKIOU de 71.000 euros.
9- As reparacións e mantemento das vías provinciais: 1.400.000 euros.
10- Os concellos da provincia reciben 4.734.590,64 euros en forma de transferencia de capital para os seus investimentos.
11- Orzaméntanse 302.323,59 euros para paliar catástrofes.
12- O plan provincial de cooperación ás obras e servizos, o de empregabilidade, o de rozas en vías provincias e municipais e o BenOurense de servizos sociais municipais estarán plenamente vixentes e operativos o 2 de xaneiro de 2022.
13- O Plan “Ourense, a provincia termal”. Por certo, explicou Manuel Baltar, “coa Deputación facendo posible unha nova instalación balnearia na provincia, cando abra as súas portas o Novo balneario de Berán”. E o proxecto estratéxico provincial da conversión do edificio da nosa sede no Gran Hotel Balneario Auria, “que será un referente en Europa, estando próximos a licitar o proxecto construtiva”.
Manuel Baltar valorou a importancia de contar con boa saúde financeira dentro do goberno provincial: “No 2023 seguiremos vendo as vantaxes de operar unha vez acadada hai tempo a ‘débeda cero’ da institución. Os orzamentos dunha Deputación, dun goberno, que actúa con visión integral de provincia. Que eríxese como a mellor aliada dos concellos e piar básico para o funcionamento e xestión de entidades económicas, culturais e sociais da provincia de Ourense”.