Cultura

Baltar sitúa a Ourense ICC Week como " semente da cultura na provincia"

Entre as novidades desta oitava edición da semana das Industrias Culturais e Creativas, atópanse unha exposición única sobre o amplo universo dun grupo lendario como The Beatles, a presenza no propio Centro Cultural Marcos Valcárcel do mítico Alpinche

Óscar Gómez

Ourense | 08.04.2022 08:11

Baltar sitúa a Ourense ICC Week como " semente da cultura na provincia"
Baltar sitúa a Ourense ICC Week como " semente da cultura na provincia" | onda cero

A oitava edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense, a Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense, xa está lista. A partir do 22 de abril e ata o 29 de abril ofrecerá aos ourensáns sete días cheos de “creatividade, futurismo e vangarda coa presenza de nomes de gran relevancia que xa están máis cerca da provincia que, agora xa si, é de alta velocidade”, destacou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que agradeceu ao coordinador técnico da Ourense ICC Week, Juan Rivas, “a cantidade e a calidade dos relatores”.

Entre as novidades presentadas por Juan Rivas -quen manifestou “o orgullo de ter nesta oitava edición as mentes máis brillantes das Industrias Culturais e Creativas”- atópase unha exposición única sobre a banda que desatou o fenómeno fan, Beatles, comisariada por Chema Ríos. A inauguración será o luns 25 de abril, e contará cunha mesa redonda co músico e compositor Nicolás Pastoriza, Julio Ruiz, locutor de radio e o propio comisario. Tamén haberá música en directo cos Fabulosos Weekend.

Unha das actividades sen dúbida máis emotivas será a presenza do mítico Alpinche no Centro Cultural Marcos Valcárcel que fará ruxir de novo o seu motor. “Entre as cousas que outorgan visibilidade a Ourense está, por exemplo, o cartaz deste ano, a imaxe elixida. Agradezo á Fundación Estanislao Reverter a súa participación no evento. Porque se falamos de industria cultural, de creatividade e de Ourense, nada mellor que o Alpinche, esa creación que fai xustiza a actividade deste pobo, deste Ourense que segue dando mostras para apostar por el”, destacou o presidente da Deputación. A presentación desta icona ourensana será o martes, 26 de abril, coa participación de Luis Reverter, presidente da Fundación Estanislao Reverter, nunha mesa redonda na que estará acompañado polo xornalista e piloto Ricardo Muñoz, o copiloto do Alpinche José Luis Sala e o electricista e un dos creadores do Alpinche, José Luis Díaz.

O concerto dos Hombres G, un dos cumios desta edición da ICC Week

O presidente do goberno provincial destacou a presenza da Mobile Week na provincia de novo neste 2022 e lembrou que “este ano no que a Deputación cumpre 200 anos, temos patas moi importantes para asentar a política cultural como a ICC Week, o OUFF e a aposta polas rodaxes e pola produción audiovisual como a recente creación da Ourense Film Commission e outras cuestións que formarán parte do calendario de actividades e eventos que farán que esta provincia sexa de alta velocidade”.

Manuel Baltar aproveitou a data da presentación, Día mundial da saúde, para destacar que “agora que sabemos que o 20 de abril nos liberaremos dos cubrebocas mesmo nos interiores, convén subliñar que xa está todo preparado para que o 23 de abril, un dos pratos fortes desta edición, o concerto dos Hombres G no Paco Paz, no que presentarán o último traballo despois dunha exitosa xira por Norteamérica, o único concerto en Galicia, sexa seguro un éxito. Será un reencontro, despois de dous anos, nos que evidentemente a música en directo non tivo o que tiña, que é esa capacidade de chegar, de vivila de pé, por suposto sen mascarilla. Por iso que ese prato forte, sen dúbida, será un dos momentos estrela desta Ourense ICC Week”. Antes, no mediodía do 23 de abril, Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad, tres dos grandes artífices de La Movida, falarán de “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop” dende a súa propia experiencia co grupo.

Manuel Baltar agradeceu na súa intervención “a aqueles que nos acompañaron dende o principio e que nos seguirán acompañando como o Grupo La Región, da man sempre de todo aquelo que da visibilidade a Ourense”. E mostrou satisfacción porque, aseverou, “estamos respondendo á traxectoria artística e cultural deste territorio, organizando un evento destas características. Aínda que o máis importante é a palabra de sete letras que nos une: Ourense. A Ourense ICC Week é de todos, non é da Deputación, nin do seu presidente ou de Cultura. É de Ourense e por esa razón triunfa e cada ano medra. Únenos a palabra de sete letras: Ourense, que todos forxamos día a día”.

Deportes electrónicos e relatores como Pedro Baños ou Ana Iris Simón

Como destacou na súa intervención o coordinador técnico da Ourense ICC Week, Juan Rivas, entre os relatores destacados que pasarán por Ourense nestes sete días está o coronel, escritor e conferenciante Pedro Baños que o mércores 27 abordará “El poder: un estratega lee a Maquiavelo”. Falará dunha realidade tristemente de actualidade. Na xornada destinada ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación, TIC, estarán presentes Yasmina Laraudogoitia, responsable de Relacións Institucionais de TikTok para España, que falará da “Inspiración creativa impulsada pola comunidade de TikTok” e a xornalista tecnolóxica Marta del Amo quen abordará as “Tendencias nas Tecnoloxías da Información en 2022”. O peche desta semana de Industrias Culturais e Creativas correrá a cargo da escritora e xornalista Ana Iris Simón, autora dun dos libros máis lidos no último ano, “Feria”, en colaboración co Foro La Región.

Pola súa banda, o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, aportou varias reflexións: “Esta oitava edición é a máis longa no tempo de todas as celebradas, con máis actividades cada ano, máis repercusión e máis contido”. E destacou que “tentamos que a Ourense ICCWeek motive a xente de Ourense e que se vexa reflectida na xente relevante que vai vir”. Gómez Villar tamén falou da importante presenza ourensana nesta semana a través da música, da homenaxe, dos deportes electrónicos, da actividade gastronómica no IES Vilamarín, do protagonismo da colección permanente de trens e do compromiso cos Premios Rodolfo Prada á Xestión Cultural, quinta edición, “que irá medrando”.

A técnica Susan Ramos detallou o programa dos eSports que terán lugar entre os días 22 e 24 de abril no pavillón do Colexio Mestre Vide, con competicións gratuítas, exposición de retro videoconsolas, música, participación de oito pilotos destacados a nivel nacional e internacional, simulador de voo, premios e sorteos, entre eles dúas PS5 e a intervención en directo do artista urbano Mon Devane. “Será o evento de ‘gaming’ máis importante do noroeste español”, afirmou