Piragúismo

Barbantes acolle este sábado o Campionato Galego de Piragüismo de K-2 e C-2

A proba, organizada pola Federación Galega de Piragüismo e o club Piragüismo Ourense co apoio da Deputación, reunirá a 32 clubs galegos e a máis de 400 deportistas divididos entre as categorías xuvenil, sénior e veterano.

Óscar Gómez

Ourense | 09.02.2023 08:50

Barbantes acolle este sábado o Campionato Galego de Piragüismo de K-2 e C-2
Barbantes acolle este sábado o Campionato Galego de Piragüismo de K-2 e C-2 | La Voz de Galicia

A área termal de Barbantes, no concello de Cenlle, será este sábado o escenario do Campionato Galego de Inverno de Piragüismo na modalidade K-2 e C-2. Esta competición, organizada pola Federación Galega de Piragüismo e o club Piragüismo Ourense co apoio da Deputación de Ourense, reunirá a 32 equipos e a máis de 400 deportistas divididos entre as categorías xuvenil, sénior e veterano. Esta cifra de participantes supón un incremento en comparación coa anterior edición.

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación da competición na sala de prensa do Pazo Provincial. Rosendo Fernández estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea; e o presidente de Piragüismo Ourense, José Luis Fernández.

A competición dará comezo este sábado, 11 de febreiro, ás 10,30 horas e terá un percorrido de 3.000 metros para todas as categorías. Esta edición do campionato, a segunda consecutiva celebrada en Barbantes, contará tamén cunha segunda regata que se celebrará o sábado 25 de febreiro para as modalidades individuais K1 e C1, e cuxo percorrido será de 5.000 metros.