Cultura

A biblioteca Nós celebra en Xaneiro os días das persoas usuarias e da ilustración

Haberá actividades conmemorativas arredor destas datas sinaladas no Calendario do libro e da lectura de Galicia, como encontros, mostras, obradoiros e a posta en marcha dun club de lectura de cómic.

Óscar Gómez

Ourense | 04.01.2022 09:29

A biblioteca Nós celebra en Xaneiro os días das persoas usuarias e da ilustración
A biblioteca Nós celebra en Xaneiro os días das persoas usuarias e da ilustración | onda cero

A Biblioteca Pública da Xunta en Ourense Nós celebra en xaneiro o Día das persoas usuarias, cun encontro cos voluntarios e voluntarias do centro, e o Día da ilustración, con obradoiros, mostras e a creación dun club de lectura de cómic, entre outras propostas. Son as dúas celebracións previstas para ese mes no Calendario do libro e da lectura de Galicia, deseñado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A maiores destas conmemoracións, o ano arranca na biblioteca cunha axenda diversa que inclúe as habituais sesións de contacontos e talleres para público infantil, así como outras actividades para adultos. A axenda completa pode consultarse na web do centro.

A primeira das celebracións do mes, o Día das persoas usuarias, terá lugar o martes 11, cun encontro cos voluntarios e voluntarias do centro bibliotecario ourensán ás 18,30 horas. Nesta xornada, unha hora antes, nomearanse os socios e socias de honra nas categorías infantil e maiores de 14 anos entre as persoas que levasen máis material en préstamo ao longo de 2021.

Día da ilustración

A seguinte data sinalada é o 30 de xaneiro, instaurado pola Xunta como Día da ilustración en conmemoración do nacemento de Castelao. Arredor desta efeméride, a biblioteca ‘Nós’ vai poñer en marcha o novo club de lectura de cómics, con reunións mensuais que comezarán o mércores 19. Tamén haberá obradoiros para público adulto e infantil.

O día 28 ás 18,30 horas será a quenda dos maiores co taller Mitos hoxe. Imaxes publicitarias contra resortes míticos e literarios, impartido por Xosé Poldras. Pola súa banda, a rapazada de 7 a 12 anos poderá participar no Obradoiro de estampación artesá: unha lenda ourensá con Marta Dorribo na xornada do 29 ás 11.00 horas. Esta actividade está vencellada coa exposición do mes, tamén enmarcada no Día da ilustración. Trátase de Maléficas e Santas, unha mostra de gravados baseados en lendas ourensás que se poderá visitar do 3 de xaneiro ao 5 de febreiro. A súa autora é Paula Rodríguez Hermida-Mandado e participará nun encontro co público o día da apertura da exposición ás 18,00 horas.

Completan a celebración desta efeméride as mostras Os nosos ilustradores e as nosas ilustradoras, unha selección de libros con ilustracións de autoría ourensá, e Grandes do cine da animación, unha escolma de filmes do espazo audiovisual. Ambas se instalarán do 17 de xaneiro ao 5 de febreiro.

Outras propostas

A maiores destas conmemoracións, a programación do mes na biblioteca ‘Nós’ comeza o 4 de xaneiro ás 11, 30 horas coa derradeira actividade enmarcada no Nadal. Trátase do obradoiro Ciencia sonora, no que público de 10 a 16 anos afondará na creación da música con Mateo Mena.

Os martes 11, 18 e 25 terán lugar as habituais sesións de Contiños con Susana, dirixidos á cativada de 4 a 6 anos. Os mércores 12 e 26 será a quenda dos bebés de 1 a 3 anos, con Soledad Felloza e Pavís Pavós, que ofrecerán os espectáculos A viaxe de Lup e Trispilistriñas, respectivamente. A rapazada de sete a 12 anos ten cita os xoves 13, cun obradoiro bilingüe en galego e na lingua de signos a cargo de Fátima Fernández e María Luísa Lombardero, e os xoves 20 e 27 cun contacontos da man de Sarabela. Todas estas propostas son ás 18,00 horas.

Canto ás actividades para adultos, programouse para o día 14 ás 19,30 horas a presentación do libro Alhaja de Ángel Frutos Acevedo, unha ficción histórica ambientada nas primeiras décadas do século XX. Tamén haberá un encontro co escultor autodidacta de Beariz Juan Manuel Paz Gulías, autor da exposición do mes no espazo dedicado a creadores ourensáns CreOu, que terá lugar o día 27 ás 18,30 horas. A súa mostra Prototipos, con catro grandes pezas de escultura figurativa realizadas en aceiro latonado, pode visitarse ata finais de mes.

Cómpre sinalar ademais que a exposición itinerante Tigres coma cabalos, organizada pola Xunta en homenaxe a Xela Arias no marco do Día das Letras Galegas permanecerá no centro ata o 15 de xaneiro. Nela combínanse os textos da autora coas fotografías de Xulio Gil.

Así mesmo, ao longo do mes desenvolveranse as actividades con continuidade, como son os diferentes clubs de lectura, de cinema, de escrita creativa, de poesía e de debate, entre outros.